A Pomba do Arco celebra ao longo desta semana a Festa da Palabra.
O poeta lucense Lois Pérez ofrecerá este mércores 7 de novembro, desde as 20.30 horas na sala de exposicións do Cenima, un espectáculo poético-musical no que presentará a súa máis recente obra, ‘Long Play‘.
O vate tamén presentará na mañá deste mércores a súa obra nos centros de ensino de Burela.
XOVES
O xoves, á mesma hora e no mesmo escenario, o grupo de teatro Touporroutou, da asociación organizadora, recreará ‘Os soños da gaiola‘, unha peza escrita por Manuel María.
VENRES
O venres 9 será a quenda de Olga Novo e Ismael Ramos. A primeira, autora de ‘Cráter‘, unha obra de gran éxito literario en Galicia, fará un repaso da súa creación literaria recente.
Malia contar con só 25 anos, Ramos foi merecedor de premios como o Fervenzas Literarias ao mellor autor e ao mellor libro de 2017, co poemario Lumes.
TRADICIÓN
A Festa da Palabra comezou a celebrarse no 1990, para logo interromperse. A Pomba do Arco recuperou hai catro anos esta cita, pola que pasaron Manuel Rivas ou Marica Campo, entre outros autores.