A escritora, profesora da Universidade de Vigo e estudosa especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, Rexina Rodríguez Vega (Rexina Vega), foi designada como Cunqueiriana de Honra de 2021. Así o decidiu este sábado 30 de xaneiro por maioría a comisión designada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, entidades promotoras da distinción, durante unha reunión telemática na que os membros deliberaron despois de que cada un presentara unha candidatura e a promovera de forma argumentada.
Rexina Vega ten unha longa traxectoria como estudosa e investigadora da obra de Álvaro Cunqueiro. Por iso, a comisión quixo destacar o gran número de publicacións que desde fai 30 años a ensaísta viguesa deu a coñecer en torno á vida e obra do autor mindoniense. Así, referiu títulos coma a súa guía de lectura sobre Os outros feirantes (1992), a monografía Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (1997), o volume de ensaios Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas (2003) ou o libro audiofotobiográfico Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (2009). Tamén puxo en valor a súa tese de doutorado, defendida na Universidad Autónoma de Barcelona e centrada no Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro (2000).
A distinción que a acredita como Cunqueiriana de Honra entregaráselle a Rexina Vega en Mondoñedo o próximo 28 de febreiro de 2021, data do 40 aniversario do falecemento de Álvaro Cunqueiro. Está previsto que en tal xornada a distinguida encabece, acompañada de diversas autoridades locais e provinciais, a tradicional ofrenda floral ante a tumba do autor e que abra o maratón de lectura da súa obra.