EFE. O Concello de Mondoñedo organizou para este domingo -día 28 de febreiro- un completo programa de actos para conmemorar o corenta aniversario do falecemento dun dos seus veciños máis ilustres, o novelista, poeta, dramaturgo e gastrónomo Álvaro Cunqueiro, cuxa casa natal foi rehabilitada e alberga un museo sobre a súa vida e obra.
Parte do programa de actos desenvolverase no Cemiterio Vello de Mondoñedo, onde ás 11.00 horas terá lugar a recepción dos invitados por parte do alcalde da localidade, Manuel Otero.
Posteriormente, realizarase unha ofrenda floral ante a tumba do escritor homenaxeado, momento no que tomará a palabra a ‘Cunqueiriana de Honra‘, a escritora viguesa Rexina Vega, que é a primeira muller en ser distinguida con este recoñecemento, segundo informou o propio Concello de Mondoñedo.
Ademais, no transcurso do mesmo acto, depositarase unha rosa ante a tumba doutro ilustre veciño do municipio, Manuel Leiras Pulpeiro. Un pouco máis tarde, procederase co nomeamento de Vega como ‘Cunqueiriana de Honra’.
A celebración terminará “cun maratón de lectura pública” da obra ‘O ano do cometa‘, de Álvaro Cunqueiro, no Auditorio Municipal Pascual Veiga. Vega, como autora homenaxeada, será a encargada de iniciar esa lectura pública.