InicioCulturaChévere, Talía Teatro ou Jamila Purofilin animarán a axenda cultural de Ribadeo

Chévere, Talía Teatro ou Jamila Purofilin animarán a axenda cultural de Ribadeo

A programación, que arrinca este sábado co concerto da vocalista cubana, incluirá actuacións para nenos, como a de Teatro dos Ghazafelhos, ou un recital de recuperación do acordeón diatónico

Publicada o

- Advertisement -

A axenda cultural da concellaría de Cultura de Ribadeo para os vindeiros meses arrincará este sábado, 6 de marzo, co concerto que ofrecerá Jamila Purofilin. A programación inclúe máis música, teatro con Chévere, Amorodos e Talía e diferentes propostas para os máis pequenos da casa. Así o anunciou o Concello a través dun comunicado de prensa.

A edil ribadense anunciou que “comezamos este sábado, 6 de marzo, cun concerto con sabor ao Caribe. A intérprete cubana Jamila Purofilin, que xa nos ten visitado noutras ocasións, presenta ‘En la Habana de noche‘. A súa voz magnífica estará acompañada por Yoanny Fonseca no piano, Eugenio Pérez no baixo, na percusión con José Ángel Pérez e Marjorie Díaz no saxo”, concretou.

Otero explicou que “a segunda é unha proposta moi ambiciosa pois se trata dun cancioneiro que leva por nome ‘De botóns‘, así se lle chamaba ao acordeón diatónico en moitas zonas da Galiza. Consta dunha selección moi escollida de repertorio tradicional galego e das comarcas da contorna, adaptadas e arranxadas para este instrumento”.

Editouse un libro con máis de cen cancións reelaboradas dende un profundo coñecemento, tanto do instrumento como da harmonía. É obra de dous autores, Carlos Quintá e Pedro Pascual, xunto cun equipo de persoas especializadas en diferentes áreas. Ademais o libro comeza cun preliminar escrito por Ugía Pedreira. Trátase dun equipo experimentado, coordinado por unha produtora rural veciña, xa que desenvolve o seu labor fundamentalmente na fronteira galaico-asturiana, Mialma Producióis”, expuxo a edil.

VOLVE A CULTURA TRALO PECHE

A concelleira de Cultura ribadense, Pilar Otero, dixo tralo parón obrigado pola Covid-19 que “queremos lembrar que o ámbito da cultura é dos máis seguros que existen fronte a actividade do virus, pois gárdanse escrupulosamente os protocolos, así que volvemos con moitas ganas, conscientes do importante que é que as persoas se poidan distraer vendo o que ofrecen os artistas, que precisan carga de traballo”.

Pilar Otero. AXM

MURAL EN HOMENAXE A ROSALÍA

No tocante á plástica, realizarase un mural de homenaxe a Rosalía de Castro que levará a cabo, nas Castro Rúas, o grupo Concepto Circo. “Acollémonos a unha das actividades patrocinadas pola Deputación de Lugo”, precisou.

Otero engadiu que “en canto ao teatro para adultos, os seareiros e seareiras de Chévere están de noraboa. Neste mesmo mes de marzo representan ‘Curva España‘ e antes do verán chegarán con ‘As fillas Bravas / o mito de Casandra‘. A compañía Amorodos convídanos a ver ‘Xente 2.0‘ e outra das formacións con máis seguidores como é Talía Teatro trae a súa ‘Vida de cans‘, concretou.

PROGRAMACIÓN ESPECÍFICA PARA BEBÉS

Finalmente, no que atinxe ao programa Apego, haberá unha programación específica para bebés, que está formada por espectáculos e obradoiros para familias. Para os máis grandiños, a partir de cinco anos convidámolos a ver o Teatro dos Ghazafelhos coa peza de Carvalho Calero ‘As pitas baixo a choiva’, a Raquel Queizás con ‘Cimena Marabillas’ e Fátima Fernández fará un espectáculo arredor dos contos pop up que tentaremos que sexa no parque, se o tempo o permite. Lembramos que as persoas interesadas poden atopar información puntual da nosa programación cultural até o verán na páxina de Facebook e a través da listaxe de correo electrónico”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...