InicioCulturaA Mariña xa ten a súa guía de seres máxicos

A Mariña xa ten a súa guía de seres máxicos

O libro de Antonio Reigosa "Cen historias máxicas pola Mariña encantada" será presentado este mércores.

Publicada o

Cen historias máxicas pola Mariña encantada” ofrece unha viaxe mítica pola Mariña. Trátase de 100 relatos cunha variedade enorme, tanto de protagonistas do lendario popular —demos, trasnos, nubeiros, bruxas, ánimas, mouras e mouros, encantos e tesouros, serpes, sereas, santos e santas…— como de lugares mariños e terrestres como fontes, montes, covas, rochas, illas, fervenzas e outros elementos naturais singulares.
Trátase dunha obra ilustrada, luxosamente editada por Libros Lar de Viveiro e patrocinada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que contén unha antoloxía de encantos, milagres, seres e lugares lendarios localizados nos 15 concellos que conforman a Mariña lucense: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Os textos son da autoría de Antonio Reigosa e as excelentes ilustracións do artista de Viveiro, Neira Brochs.
Tamén están, obviamente, os grandes personaxes míticos ou mitificados das terras mariñás. Desde Pardo de Cela ao Conde Santo, pasando por San Gonzalo, a serea Maruxaina, o rei Cintolo e ata o Gardarríos. E os grandes lugares máxicos como a Serra do Xistral, a Frouxeira, san Estevo do Ermo, a illa Coelleira ou a cova da Doncela, e outros imaxinarios  que só existen na nosa fantasía  e nos que habitan cidades mergulladas, augas que curan, santuarios abondosos en milagres, cobizados tesouros, pantasmas e un amplo repertorio de fauna féerica.
Este mércores terá lugar no Claustro do Museo Provincial de Lugo a presentación do libro, acto que contará coa presenza de Maite Ferreiro, vicepresidenta e delegada de Cultura da Deputación de Lugo, Manuel López, editor, Neira Brochs, ilustrador, e Antonio Reigosa, autor.
A asistencia a este acto é libre, ata completar o aforo permitido, pero coa obrigatoriedade de concertar cita previa chamando ao teléfono 982 24 21 12.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...