Onte estrenouse “Veleno”, videoclip musical do grupo de música folktrónica Baiuca, que nesta ocasión estivo acompañado por Rodrigo Cuevas. O vídeo foi dirixido polo mariñao Adrián Canoura.
O vídeo rodouse durante o mes de xaneiro en Xove, especialmente nas ruínas de San Tirso, na parroquia de Portocelo. Entre as colaboracións, participa o grupo Saíñas, un de cuxos componentes, Uxío Dayán, aparece como bailarín. Tamén participou a xovense Nuria Lestegás como meiga 2.
O Concello de Xove resalta que contribuíu ao patrocinio deste vídeo cunha aportación de 1.800 euros, xa que se considerou que axuda a promocionar Xove no exterior, dado que se trata dun produto cultural con moita difusión a través das redes.