InicioCulturaA biblioteca móbil do Occidente, exemplo de loita contra a soidade non...

A biblioteca móbil do Occidente, exemplo de loita contra a soidade non desexada dos maiores do rural

Publicada o

- Advertisement -

Generosa, natural de San Tirso de Abres, cumprirá en decembro un século. Gústalle ler contos tradicionais e biografías. Aínda que non utiliza gafas para a lectura, pide que os libros que recibe teñan unha letra dun tamaño axeitado. Gárdaos na cociña e bota man deles en varios momentos do día, dependendo da época do ano, das horas de luz ou do tempo que dure o seu paseo. É a usuaria máis veterana da biblioteca móbil de Taramundi e San Tirso, que este 2021 fai vinte anos.

Desde 2007, cando se sumou ao ‘bibliobús‘, “é unha lectora ávida, que exemplifica coma ninguén que a ansia por aprender non ten idade e que a lectura tampouco”, explica Trinidad Suárez, responsable do servizo. A historia de Generosa é tamén exemplo da importancia dunha iniciativa que dá alicientes para vivir e que loita contra a soidade das persoas maiores que viven en áreas rurais dispersas.

Trinidad Suárez. CEDIDA

ROMPIENDO DISTANCIAS

A biblioteca móbil enmárcase no programa Rompiendo Distancias do Principado, que se desenvolve desde o 2000. O plan pretende crear e achegar recursos para persoas maiores en zonas rurais dispersas, facilitando a permanencia dos veciños na súa contorna próxima e loitando contra a soidade non desexada, a fin de facelos partícipes social e comunitariamente. Proxectáronse actuacións en tres zonas rurais de Occidente, a zona central e o Oriente de Asturias, desenvolvendo unha serie de iniciativas para avaliar o seu resultado e o seu traslado a outras zonas da comunidade.

Daquela elaborouse unha diagnose participativa. Que demandaban os maiores? As persoas consultadas pedían mellorar a súa mobilidade, principalmente por falta de transporte. Tamén o acceso á información, pois queixábanse de non recibir as suficientes novas do que ocorría no municipio. A biblioteca móbil, neste contexto, púxose en marcha de acordo coas necesidades detectadas.

Así naceu o servizo, que é tamén unha oficina de información a domicilio que se achega a estes núcleos rurais. Téndese unha ponte para aproximar os recursos aos veciños e informalos sobre a actualidade do concello. Por un lado, descentralizouse a biblioteca municipal, que funciona sobre todo polas tardes, cando os usuarios se desprazaban para realizar compras, trámites ou ir aos centros de saúde principalmente polas mañás.

Por outro, a biblioteca móbil, que recibiu o premio ACLEBIM a nivel estatal en 2019, aproveita as súas visitas para difundir as actividades e servizos organizados dentro do propio programa Rompiendo Distancias, ademais de distribuír o Boletín Informativo do Concello, e de recoller opinións, suxerencias, preguntas e solicitudes dirixidas a diferentes servizos municipais.

“O que se pretende é levar a lectura, a prensa ou bibliografía de distinto tipo, ás aldeas rurais dispersas. Pero tamén as convocatorias municipais; ademais recollemos información, tramitamos solicitudes sobre algún servizo municipal. A intención é que estes veciños sintan o Concello máis preto“, concreta Suárez, que dirixe Rompiendo Distancias en San Tirso, Taramundi e a zona alta de Castropol.

Unha usuaria, recollendo un libro. CEDIDA

O servizo está, pola pandemia, nunha fase de revisión e reorganización. Debido á crise sanitaria aconsellouse que se suspendera. “Mantemos o contacto coas persoas e esperamos retomalo a máis tardar en xuño. Estamos tentando adaptarnos aos novos tempos e darlle unha volta, revisando o enfoque, realizando unha análise para mellorar”, afonda.

RUTA E PARADAS

O servizo de biblioteca móbil funciona mensualmente, estimando que é o tempo oportuno para que as persoas usuarias poidan ler con tranquilidade os libros. “Tentamos xerar espazo e tempo suficiente para que cada persoa organice o seu ritmo; se unha persoa é moi lectora, pode recibir en préstamo dous libros ou tres. Tamén poden tramitar unha prórroga presencialmente na biblioteca ou cambiar o libro a través dun veciño ou familiar”, precisa Suárez.

En percorridos que se cobren nun prazo de entre dous e catro días, a furgoneta da biblioteca móbil móvese de acordo cunha serie de rutas naturais. Abastece a uns 20 núcleos do municipio de San Tirso e a outros arredor de 25 en Taramundi. “Non temos un número estable de paradas; algunhas veces é un punto de reunión de varias casas, outras veces paramos fronte a unha vivenda, adaptándonos á situación de cada persoa e facilitando que os usuarios de maior idade non teñan que facer desprazamentos complicados para eles”, indica.

A idade media da persoa usuaria ronda os 60 anos, e principalmente son mulleres. “Xa coñecemos os gustos dos usuarios, son moitos anos. E iso tamén fai que as persoas pidan recomendacións. Hai un diálogo moi rico, un servizo moi vivo. Unha vez len o préstamo fan unha valoración do mesmo. Algunhas das usuarias mesmo facían minireunións para comentar as lecturas, intercambian volumes. Xeramos interrelación social, incorporamos novos temas de conversa”, apunta Suárez.

O resultado é que se avivou a actividade da biblioteca. “Parece que se reavivou a afección; o feito de descentralizar o servizo incrementou o número de lectores, dándolle moita proxección”, subliña.

TEMAS E PREFERENCIAS

Suárez conta cun sorriso que “unha cousa que nos chamou a atención ao principio é que nos preguntaron canto custa o servizo, non estaban familiarizadas co préstamo”.

No que atinxe ás temáticas, a lectura é variada. “Hai persoas, por exemplo, que na época da poda nos piden libros de xardinería. Tamén están moi solicitados os de cociña. Na primavera levamos máis volumes de agricultura para as tarefas nos hortos. E noutras épocas do ano facemos monográficos sobre coidados e saúde ou a muller rural“, indica Suárez. Apaixonan “a xeografía e a historia, as publicacións sobre viaxes, artesanía, manualidades… E logo a novela histórica e realista. Se falamos de escritores e autoras están Palacio Valdés, escritoras galegas como Pardo Bazán ou Rosalía, Ángeles Caso, Isabel Allende, Pérez Reverte… Teñen moitas ganas de ler cousas diferentes. Pero nada de thrillers ou asasinatos, iso non lles vai”, ri Suárez trala enumeración.

A biblioteca móbil tamén leva o xornal. CEDIDA

DESPOBOAMENTO

O municipio asturiano de Taramundi ten algo máis de 600 habitantes. A súa realidade recolle un poboamento disperso e envellecido. Ocorre o mesmo no concello limítrofe de San Tirso de Abres -433 residentes-. Nestas circunstancias, a biblioteca non só ofrece compaña aos veciños de moitas aldeas que se baleiran, senón que tamén serve de instrumento para comprobar e analizar esta realidade.

“A biblioteca móbil ofrece unha fotografía máis que clara”, explica Suárez. “O noso número de usuarios pasou de 100 a unha cuarta parte en Taramundi conforme se perdía poboación. En San Tirso de Abres hai aldeas nas que xa non paramos. A perda de residentes foi brutal, e non só polos falecementos, senón tamén porque houbo persoas que foron a vivir a outros lugares coas súas familias”, lamenta.

“Cando vin a Taramundi, un par de décadas atrás, había 890 habitantes; agora son algo máis de 600. Pero iso non ten que supoñer un descoido do que facemos. Coa crise sanitaria, creo que haberá unha revisión sobre o medio rural, se se facilita o teletraballo, se se consolida un comercio diferente e outra forma de vivir. Pode ser unha oportunidade”, afonda.

A biblioteca móbil cobra importancia así como “unha iniciativa contra a soidade non desexada. Facilitamos o achegamento das persoas ao Concello, pero tamén un encontro periódico que se transforma en amizade e no que pesa moito o emocional“, indica Suárez.

AS USUARIAS SÉNTENSE “MÁIS ESCOITADAS”

“A biblioteca móbil fai que as persoas se sintan máis escoitadas. Co servizo melloramos a calidade de vida; facilitamos préstamos pero tamén xeramos un vínculo, creamos unha confianza. Dános un coñecemento das persoas moi rico, porque as vemos no seu contexto. A información flúe en ambos sentidos. Difundimos servizos pero tamén poñemos ao Concello ao tanto do que pasa. Por exemplo, se unha persoa vive soa e se lle estropeou a telefonía, nós avisamos diso”, explica.

Suárez fai fincapé en que o beneficio é recíproco. “A mirada da persoa que leu un libro, a alegría que che transmite de verte… Xera moita emoción. É ver que a cultura é vida e é compartir”, salienta Suárez. “Para nós é un traballo privilexiado, cheo de cariño e atención polas persoas que visitamos, tanto o que recibimos como o que tentamos dar, un cariño que non sinte calquera profesional. Detrás dos servizos teñen que estar as persoas. É doado entusiasmarse, porque o contacto cos veciños é moi enriquecedor e iso é un luxo”, remarca.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...