InicioOccidentalCervoXaime Miranda: "penso que buscar boas localizacións, moitas delas na Mariña, é...

Xaime Miranda: “penso que buscar boas localizacións, moitas delas na Mariña, é xa parte da miña marca”

Publicada o

- Advertisement -

O nome do director cervense Xaime Miranda é unha referencia na realización de videoclips no panorama musical galego. Vén de acreditalo o segundo premio Mestre Mateo consecutivo, neste caso para ‘Muinheira do interior‘, canción do grupo de trap Boyanka Kostova. Se este novo galardón demostra que o sector valora a calidade do seu traballo, a cantidade do mesmo é outro baremo máis para medir o seu talento: está tan solicitado que, presumiblemente, acabará o 2021 con máis dunha ducia de obras realizadas, a razón de máis dunha por mes.

PREMIOS

É o segundo Mestre Mateo consecutivo. Como acolles este premio, imaxino que como o da confirmación?

Si, efectivamente. É a sensación de que co primeiro non foi que se confundiran, porque ‘malo será’ que se confundan dúas veces (risadas). É certo que quizais Boyanka Kostova non teñen tanta popularidade como os Heredeiros da Crus, para quenes fixen o anterior videoclip premiado e que foron e son un fenómeno, pero a verdade é que foi máis sorprendente a nominación que despois conseguir o premio, porque posteriormente a canción tivo moita repercursión. O videoclip foi moi visto e compartido en redes e saíu no Luar e no Land Rober. Tivo moito impacto e Boyanka Kostova estanse a facer cun nome, teñen xa un certo peso. E a verdade é que ser nominado de novo e conseguir un premio é unha sorpresa e unha alegría.

“co segundo premio mestre mateo tes a sensación de que non foi que co primeiro se confundiran”, bromea

No Festival de Cans tamén foron premiadas obras túas, así como no festival de cinema de Ourense. Que importancia teñen estes galardóns para o impulso dunha carreira?

É difícil valorar nun medio como os videoclips o impacto dos premios, porque os clientes son músicos, a quenes coñeces a través doutros. O feito de traballar con algúns grupos vaite levando a outros. A carteira, por así dicilo, de clientes, vaise facendo así. Non estou seguro, a nivel de industria, do peso que teñen estes galardóns á hora de ter traballo. Pero por suposto non os desmerezo, porque fan moitísima ilusión.

Funciona máis o ‘boca a boca’.

A clave para seguir traballando é que ao público lle guste, que os videoclips teñan impacto e sexan recordados, porque iso é o que busca a banda. O videoclip é unha ferramenta promocional, faise con esa intención, e quizais os premios si contribúan a esa promoción.

O VIDEOCLIP

Con todo, os videoclips son cada vez máis importantes na actual industria da música. C. Tangana vén de lanzar clips de todas as cancións do seu último disco.

Penso que o videoclip está moi vinculado coas formas de consumo. Agora consúmese moita música directamente en Youtube ou outras plataformas que permiten tamén ver e non só escoitar. Así, o grupo precisa tamén ter imaxe xerada que acompañe a canción, e esa é a función do videoclip. Quizais ás veces iso rompe con esa función de ferramenta promocional e acaba sendo máis importante. O exemplo de C. Tangana está aí, que ademais non só quitou videoclips de todas as cancións senón que tamén sacou todo ao mesmo tempo.

“NÓTASE QUE CADA VEZ MÁIS OS GRUPOS QUEREN COIDAR A PARTE DA IMAXE, DO VIDEOCLIP. XA NON É ALGO MERAMENTE FUNCIONAL”

O que se nota é que cada vez máis os grupos queren coidar esa parte, que non sexa algo meramente funcional. Antes notabas que era como unha obriga facelos, pero sen darlles demasiada importancia. Agora quizais se dan conta da relevancia que ten, é un complemento moi importante, e se consegues establecer un diálogo entre o vídeo e a canción podes tamén ampliar os códigos estéticos, as mensaxes. Por iso cada vez teñen máis contido e traballo detrás. Séguense a facer videoclips clásicos, pero outros máis narrativos, como o que fixo xa Michael Jackson con ‘Thriller’ hai tres décadas. Ás veces imponse unha tendencia e outras veces outra, tanto polas preferencias do público como polas dos propios creadores. É un mundo enorme, inabarcable.

UN TRABALLO DE EQUIPO

Dentro desa enormidade, tes algún referente?

A verdade é que a nivel de nomes concretos non sabería mencionar a ninguén. Normalmente non se soía mirar os créditos dos creadores detrás dos videoclips. Ao final era lóxico, o vídeo vai asociado a un grupo e non se trata de que o nome de autor se superpoña á banda nin ao tema. Agora comeza a haber esa curiosidade, un exemplo é o realizador dos clips de C. Tangana, Santos Bacana. Non é que me fixe nel como referencia, pero si que é alguén que se fixo un nome como autor de videoclips. Eu consumo moitos clips, vexo moitos en distintas plataformas, hai tamén magazines dixitais e canais de Vimeo específicos. Esa é a miña forma de influenciarme e ter referencias, pero non tanto que siga a carreira de alguén. Quizais é un exemplo do consumo que facemos hoxe habitualmente, tan rápido, de ter moitas referencias e consumir cousas moi variadas.

Ademais, o videoclip é un traballo de equipo. Moitas veces ten máis importancia o montador que o propio director.

Falando da importancia do equipo, fas o videoclip premiado con integrantes da Mariña como Sabela Blanco ou Iago Vilarinho. Fálame deles e da súa achega.

A verdade é que con Iago é con quen máis traballo, tamén con Sabela se nos cadra ben. Cando podo intento traballar co mesmo equipo, repetir, porque cando as cousas funcionan, te entendes coa xente, pois está ben a forma de traballar. Non sempre se pode, porque o videoclip pode ter un distinto tamaño, por cuestións de orzamento ás veces veste na obriga de traballar ti só. Pero, aínda que é un pouco unha rareza neste ámbito, alomenos en Galicia, intento dirixir eu e ter unha persoa que grave e faga a dirección de fotografía. Con Iago levo feitas moitas cousas e aínda hai outras moitas por facer.

“traballo con xente da mariña porque cando hai entendemento as cousas funcionan”

PAISAXES

A Mariña é protagonista habitual dos teus videoclips, tiras moito da comarca para as localizacións. Por que neste caso os dolos de Morás?

O grupo e a súa promotora tiñan unha idea base; querían que saíse xente co traxe tradicional, ao ser a canción a ‘Muinheira do interior’, pero non tiñan en mente un espazo determinado. A propia canción mestura ese son tradicional con influencias máis cercanas á electrónica ou o rap, e iso levounos a tentar plasmar todo iso, a achegarnos máis aos códigos estéticos da chamada música urbana. Coñecemos A Mariña e estamos cómodos para traballar, así que buscamos un emprazamento que transmitise un ambiente similar. Os dolos cadraban porque son formigón, con liñas duras, son algo construído polo ser humano e non un espazo natural…

“ver ‘in situ’ os dolos de morás levounos a un universo post-apocalíptico, case de campo de batalla”

Unha vez en Morás, ver os dolos ‘in situ’ xa nos levou a outro universo, case post-apocalíptico (risadas). De aí xurdiu a idea das bandeiras, do cóctel molotov, buscando unha imaxinería case de campo de batalla. Esas estruturas, que parecen ruínas dunha civilización pasada, que son case como pedras monolíticas… A propia contorna transmitía iso.

PANDEMIA

Rodastes xusto no mes de marzo, antes da propagación da Covid-19.

Foi dez ou quince días antes do Estado de Alarma. Durante a rodaxe mesmo falabamos diso, porque xa comezaba a haber información preocupante, aínda que a sensación xeral é de que non ía pasar nada grave. Lembraba hai un tempo cos de Boyanka Kostova que o que puña máis dúbidas era eu: “isto unha gripe? Non sei eu…”. E mira, por desgraza aínda seguimos nesta situación tan dura.

“rodamos dez ou 15 días antes do estado de alarma, con moitos extras DE AGRUPACIÓNS FOLCLÓRICAS DA COMARCA. tivemos sorte”

Ademais foi unha gravación con moitos extras, varias agrupacións folclóricas da Mariña que nos axudaron e a quenes lles temos que agradecer a colaboración, co cal facela despois sería imposible. Nese sentido tivemos sorte. Unha das cousas que me aleda máis do premio é por esa xente dos grupos. Porque paparon un día de sol de rodaxe (risadas), e alomenos conseguimos un premio para ese videoclip que espero que lles faga pensar que o moito que os ‘mareamos’ mereceu a pena.

Como afectou a pandemia ao teu traballo?

Houbo unha primeira etapa de parón total, en 2020, que ademais coincidiu co verán, que é unha época que se roda menos. Había moita incerteza. Pero en 2021 veu moito traballo. Penso que a paralización da actividade vai supoñer un impulso creativo; houbo tempo para abordar temas que a xente tiña gardada e darlles un pulo. Agora vese que hai impulso de facer cousas. Estamos traballando moito. Veremos se é un pico temporal.

“A pandemia paralizou todo, pero agora vese que hai un impulso de facer cousas. serviu para revisar material”

TRABALLO

Pódese dicir que es o director de videoclips máis solicitado de Galicia?

(Dubida). Non sei, a verdade, porque hai xente que fai cousas para grupos dun abano máis concreto ou que se move nun circuíto máis concreto, por exemplo o rap, que saca moitos videoclips. Si penso que son dos que máis fago. O certo é que solicitado estou bastante, realmente non dou feito (risadas).

Cantos levas neste 2021?

Este ano levo catro, cinco… (Segue contando, entre risadas). Andaremos cerca de dez, cos que hai sen rematar, na primeira metade de 2021, o que a verdade é que moito, é unha animalada (risadas). Igual acabo o ano con máis dunha ducia.

“acabarei o ano con máis dunha ducia de videoclips realizados. A VERDADE É QUE É MOITO”

Para quen?

Polo de agora Xurxo Lopes, Grande Amore, Caballo Prieto Azabache e Xoel López, Carolina Rubirosa, Pablo Lesuit.

A MARIÑA

Dicías antes que A Mariña é un lugar onde vos atopades cómodos. É un lugar fetiche para ti á hora de gravar?

Depende moito do proxecto, agora por exemplo é difícil rodar en exteriores, fas moito plató, como por exemplo fixemos para Nuno de Grande Amore en ‘Esta pena que a veces teño’. A Covid-19 condiciona, pero en liñas xerais gústame moito buscar boas localizacións, que creo que un pouco é parte da miña marca. Non é algo moi deliberado, creo, sáeme así: cando escoito unha canción primeiro penso no lugar, no tipo de universo estético que me transmite, no ambiente, sexa urbano, de western… Etcétera. Unha vez tes iso, hai que darlle voltas para plasmar ese ambiente dunha forma asequible, con espazos de aquí, que é o que tentas facer coa localización.

Teu pai, Manolo, presidente de Mariña Patrimonio, coñece a comarca como a palma da súa man.

Si, ademais ten moita base de datos, de fotografías. Case sempre que teño algún proxecto cae algunha chamada (risadas): ‘oe, non saberás dun sitio…’. Teño na casa un ‘location manager’, como se di en inglés, de primeiro nivel (risadas).

O NENO E A SOMBRA

Tiñas pendente antes do confinamento presentar a curtametraxe ‘O neno e a sombra’. Como vai ese proxecto?

Temos pendente de estrea a curta, un proxecto colectivo. Cada un de nós ten os seus traballos e a Covid-19 fixo que se alargara máis do esperado. Estamos pendentes dun par de axustes para facer un plan de distribución que esperamos que deste ano non pase. Moitos festivais canceláronse e por iso o tomamos máis con calma, pero queremos sacalo canto antes.

“unha longametraxe segue a ser unha meta para min. a idea é dar pasos cara a ficción”

FUTURO

E que máis tes entre mans neste ámbito?

A miña idea é dar pasos cara a ficción, que é o mundo que máis me interesa. Hai algunha cousa, aínda moi verde, na que estamos traballando.

Curtametraxe ou longametraxe?

Un pouco de todo (risadas). En todo caso, o concepto dunha longametraxe é desde logo unha meta, un horizonte para min.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...