Nace en Cervo Fol do Raxal, asociación para recuperar a música tradicional

Fol do Raxal. CEDIDA

Coa idea de recuperar os sons tradicionais nun tempo non especialmente propicio, no que a pandemia está a paralizar a música en vivo, naceu a asociación Fol do Raxal, con sé en Cervo, aínda que aglutina a músicos doutros municipios da Mariña. O colectivo foi constituído formalmente no pasado mes de decembro, pero leva xa case tres anos tocando en distintos eventos.

“Nalgunhas foliadas chegámonos a chamar simplemente ‘os gaiteiros de Cervo'”, explica entre risadas o presidente da agrupación, José Antonio Lozano, que exerce como gaiteiro e tamborileiro. O nome Fol do Raxal vén do lugar onde comezaron os ensaios, ubicado na parroquia cervense da Senra. “Amablemente os veciños deixáronnos ensaiar no local social, e gustounos a sonoridade dese sitio. Agora xa non ensaiamos alí pero o nome vai perdurar”, concreta o dirixente do grupo. O logo é obra de Diego Cereijo.

ENSAIOS AO AIRE LIBRE

Fol do Raxal, ademais de Lozano, son Ramón Ron, de San Cibrao, que exerce como gaiteiro e vogal; Elías Gándara, acordeonista e vogal; David Moreiro, gaiteiro, director musical e tesoureiro; Rubén Cereijo, sancibrense residente en Viveiro, gaiteiro e secretario; e Manuel Pérez, veciño de Burela, gaiteiro e vicepresidente.

O grupo comezou a tocar en foliadas, festas populares ou vodas, e constitúese co ánimo de “poder tocar alá onde nos chamen”. O obxectivo é “recuperar a música tradicional. Todos os integrantes compartimos o noso gusto por ela, por xuntarnos e tocar. É o que nos une e nos dá vida”, apunta Lozano.

A pandemia limita polo momento o desfrute da música aos ensaios, pois non hai actuacións. “Está todo moi parado e é comprensible que ninguén queira por agora abrir a veda dos eventos. A ver se máis adiante podemos desfrutar xunto a outras asociacións e grupos en festas e foliadas”, remarca o presidente do colectivo.

Por agora, e á espera dun lugar de ensaio, “especialmente para o inverno, porque aquí na Mariña é moi longo e hai que ter un abrigo”, indica Lozano, o grupo practica en espazos ao aire libre. “Normalmente xuntámonos o domingo, tanto en Sargadelos, que é un lugar que nos gusta moito e onde nos sentimos moi cómodos, como na Praza do Souto“, precisa.

PÚBLICO AGRADECIDO

Trátase de manter a maquinaria engrasada á espera de que o contexto mellore para poder facer actuacións e tamén, engade, “de darnos a coñecer e de entreter á xente”. Gardando sempre as distancias, fai fincapé Lozano, os músicos practican en lugares senlleiros, cunha resposta agradecida do público.

“A xente di que lle dá gusto oír música galega, o son das gaitas, mentres pasea polo Conxunto Histórico de Sargadelos. Quédalle esa lembranza. Tivemos ánimos e agradecementos tanto dos veciños coma dalgúns turistas, que nos contan que é agradable, que contribúe un pouco a recuperar a normalidade e deixar por un momento de pensar nesta situación que estamos vivindo”, relata.

“Penso que, con todo o que vivimos, todos temos ganas de festa ou de alegría, sexa música, cunha verbena ou unha foliada, ou algún evento gastronómico… Pero hai que esperar, porque somos conscientes de cal é a situación e de que a saúde é o primeiro”, matiza.

FUTURO

Por agora, a agrupación non se pon máis meta que “ensaiar, desfrutar tocando e darnos a coñecer”, indica o presidente, que pospón para o medio e longo prazo a posibilidade de organizar eventos ou actividades de formación, así como de ter socios. Polo momento, Fol do Raxal fíxase como horizonte mellorar para cando, ogallá máis axiña que tarde, a música en vivo poida volver aos bares e teatros, e nós a desfrutala libremente sen temor aos contaxios.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here