Repasamos, como cada venres, a axenda de ocio da fin de semana.
ALFOZ
O Concello ofrece rutas de outono. A do domingo percorrerá o río Ouro. Sairá ás 9.30 da área recreativa da Pontenova, cunha dificultade baixa (apta para nenos) e 3,6 quilómetros de distancia.
Anotan no teléfono 657.849.200 ou o correo electrónico ofreixodoslobos@gmail.com.
Antes, o sábado, desde as 18.00 horas no centro sociocultural, Teatro Monfortino presenta a peza ‘Os intereses creados‘.
BURELA
O Pescados Rubén Burela FS defende liderado e imbatibilidade na Segunda División fronte ao Colo Colo Zaragoza.
Os discípulos de Juanma reciben (sábado, 18.30, Vista Alegre) a un rival que ocupa a décimo segunda praza.
Tamén o sábado, a asociación Camiña celebra o magosto. Na praza de Abastos, desde as 18.30 horas.
FOZ
A escritora burelá Antía Yáñez segue a presentar a súa premiada novela ‘Senlleiras’. Este venres estará na librería Bahía, ás 20.30 horas.
O sábado, Teatro do Atlántico presentará ‘Helena: xuízo a unha lurpia‘, sobre Helena de Troia. A partir das 19.30 horas, na casa da cultura.
LOURENZÁ
Continúa o certame de teatro afeccionado de Lourenzá. O sábado, Faro Miño (Chantada) recreará ‘Langreira de Amor‘.
O domingo será a quenda de Os Palimoquiños (Lugo), coa obra ‘Borralliña‘. As dúas representacións comezarán ás 20.00 horas, no salón de actos do consistorio.
MONDOÑEDO
O barrio dos Muíños de Mondoñedo celebra este venres o magosto, desde as 17.00 horas no anfiteatro de Alfar. Daquela comezarán os xogos populares.
A partir das 19.00 horas, haberá castañas e chocolate.
Con motivo do Día Mundial do Patrimonio, a asociación Batitales organiza o domingo, desde as 17.30 horas, unha visita guiada á Praza da Catedral.
Participarán o historiador da arte Roberto Reigosa e o doutor en arqueoloxía Abel Vigo. A actividade é de balde.
MURAS
A Feira do Mel da Montaña de Muras, caracterizado polo gusto do breixo, contará con 15 expositores.
A mostra celebrarase o sábado e o domingo na explanada de Viveiró, ao pé do popular restaurante Casa Cándida.
OUROL
Bravos celebra o magosto este sábado, ás 21.00 horas, con castañas, torresmos e música do dúo Estrellas.
VEGADEO
Dentro das actividades do Foro Comunicación y Escuela, o filólogo Luis Casteleiro Oliveros fará un repaso fotográfico pola historia de Vegadeo. Será o venres, ás 19.00 horas, no auditorio.
VIVEIRO
A compañía La Estampida presenta un espectáculo de teatro contemporáneo, ‘Lo nunca visto‘. Será o sábado, desde as 20.30 horas, no Pastor Díaz. A entrada custa cinco euros.
MES DA MAXIA
Segue o Mes da Maxia da mancomunidade mariñá. Este venres, Kiko e Pi actúan no Rincón do Mis (Foz) e o Mago Teto faino no Mis en Plas (Burela).
O sábado, Teto estará no Cabazo (Ribadeo) e Pi e Jorge no Yenka (Barreiros). Todas as ceas-actuacións comezarán ás 22.00 horas. Podes consultar os detalles aquí.