Barreiros presentou a plataforma virtual AEscola, que será a ferramenta de divulgación cultural “máis ambiciosa do concello” e que servirá de carteleira de actividades, aula virtual interactiva e contará con espazos para os eventos das distintas asociacións culturais e centros educativos do concello.
Trátase dun espazo virtual que poderá convivir con actividades presenciais, coa versatilidade de poder manter dinamismo social en calquera situación. “A idea é que este espazo sirva de lugar de encontro e intercambio de coñecemento á vez que nos permita achegar á veciñanza as actividades educativas, culturais, etc que se realicen dende o Concello” apuntou nun comunicado o concelleiro de dinamización, Daniel García.
Ao mesmo tempo, a plataforma será interactiva, polo que as persoas que participen nela non só recibirán información, senón que poderán alimentar o propio contido, creando o primeiro espazo virtual participativo municipal co que se pretende “aproveitar as debilidades da situación que estamos vivindo e convertelas en fortalezas; creando sinerxias e actuando como un espazo no que englobar, de xeito coordinado, toda a actividade que exista no concello”, conclúe García.
“Este soporte facilitará que os seus contidos se poidan modificar e actualizar de forma constante, o que a converte nunha ferramenta actual e perdurable no tempo, así como traballar de forma coordinada desde as distintas áreas“, dixo o edil.
A plataforma poñerase en marcha o luns 17 de maio cunha serie de actividades virtuais relacionadas coa conmemoración das Letras Galegas, as cales contarán con distintos niveis de dificultade.