O Día das Letras Galegas tamén se celebra na rede de Centros de Atención a Maiores (CAM) da Deputación de Lugo con actividades nas cinco residencias provinciais. Os usuarios e usuarias participaron nun conxunto de actividades que lles permitiron afondar e reflexionar sobre a figura de Xela Arias, a autora homenaxeada neste 17 de maio.
Os CAM de Ribadeo, Trabada, A Fonsagrada, Pol e Castroverde recitaron poemas, escribiron as súas propias composicións, gravaron vídeos e realizaron caricaturas coa cara da autora.
Ao longo de toda a semana os residentes prepararon retos para propoñerlle aos seus homólogos que viven noutros centros da rede provincial. Uns retos que tiveron que superar e que unha vez feitos e enviados aos centros retadores, lles permitían conseguir un anaco do cartel do Día das Letras Galegas que debían debuxar e colorear para colgar na residencia. Os retos consistían en cantar, bailar, practicar deportes, gravar vídeos e demostrar o seu enxeño. Ao final da semana, todos superaron os retos e lograron completar o cartel.
Estas actividades enmárcanse no calendario de actividades que, anualmente, se celebran nos centros provinciais e que permiten “ademais de manter o ánimo dos usuarios e usuarias, é un bo xeito de que exerciten a súa memoria, a capacidade de atención e a creatividade. Estas iniciativas propician o traballo en grupo e o sentimento de comunidade, xa que todos traballan como unha rede”, recoñece o Presidente da Deputación, José Tomé Roca.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.