O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibiu ao longo da mañá deste venres a 70 estudantes de primaria e secundaria de Barreiros, Cangas, Cerdedo-Cotobade e Sada para a estrea en pantalla grande de catro das curtametraxes realizadas no marco do programa internacional Cinema en curso, xestionado na nosa Comunidade pola Xunta a través da Filmoteca de Galicia.
Esta iniciativa pedagóxica, inserida á súa vez no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, contou coa colaboración dos realizadores Xacio Baño, Jaione Camborda, Eloy Domínguez, Marcos Flórez e Ángel Santos, que traballaron xunto cos estudantes e o profesorado implicado en cada unha das fitas.
No Salón Teatro estreáronse catro dos seis filmes rodados nesta edición de Cinema en curso. Cada un dos grupos levou a cabo a súa propia produción cinematográfica, rotando tanto nas funcións artísticas como nas técnicas, co acompañamento dos seus profesores e dos cinco cineastas galegos implicados no proxecto. As fitas parten da investigación sobre a contorna máis próxima e a súa posta en valor para, a través do cine, aprender a mirar e a apreciar a realidade doutro xeito.
Así, Os ollos do mar é a película asinada polo alumnado do CEIP San Cosme de Barreiros, para a que contaron co asesoramento de Xacio Baño. Inspirado no documental Innisfree, de José Luis Guerin, trátase dun retrato da parroquia de Rinlo e da súa xente, das mariscadoras e dos mariñeiros, e da súa vida vinculada á forza do mar.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañounos nesta presentación, á que tamén asistiron Laia Colell e Nuria Aidelman, da asociación A Bao A Qu e directoras deste proxecto internacional, que está a celebrar xa a súa 16ª edición coa participación de 2000 alumnos, máis de 140 docentes e 32 cineastas de España, Alemaña, Chile, Eslovenia, Lituania e México.