A música do cinema máis clásico como do máis actual será a protagonista da noite deste sábado 21 en Ribadeo. Consonte vén sendo tradicional, a Banda de Ribadeo ofrecerá un concerto de música cinematográfica que incluirá bandas sonoras de filmes de diversos xéneros.
O concerto celebrarase o día 21 de agosto ás 22:00 fronte o edificio de Aduanas, xunto ao parque de San Francisco. En caso de mal tempo, o acto quedaría aprazado para outra data.
O director da Banda de Música de Ribadeo, David Ballester, anunciou que o concerto constará de “diferentes filmes coñecidos por xente nova como maior”. Ademais, Ballester tamén apuntou que “mentres se interpretan as bandas sonoras tamén se proxectarán en pantalla escenas deses filmes”.
O propio director tamén adiantou que moitas das pezas que se poderán oír o vindeiro sábado “serán interpretadas por primeira vez pola nosa banda, iso quere dicir que segue funcionando ben”. Ballester lembrou a necesidade de manter as distancias de seguridade, levar máscara e todas as medidas de prevención contra a COVID durante o espectáculo.