InicioCulturaCincuenta anos axudando a espallar a cultura e a lingua galegas desde...

Cincuenta anos axudando a espallar a cultura e a lingua galegas desde Ribadeo

Entrevistamos a Dores Fernández Abel, presidenta da Agrupación Cultural Francisco Lanza e a Xosé Yáñez, un dos seus primeiros presidentes, co gallo do 50 aniversario desta agrupación, unha das pioneiras en querer expandir a lingua e cultura galegas no franquismo. Para iso crearan en 1969 a Feira do Libro Galego e máis adiante, no 1971 escolleron o nome dun ribadense con peso na vila para darlle vida a un proxecto que xa ten medio século de vida.

Publicada o

- Advertisement -

Dores Fernández Abel, presidenta da Agrupación Cultural Francisco Lanza.

A Agrupación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo (AGFL) cumpre cincuenta anos de andaina. Unha Agrupación que tivo o seu xermolo na Feira do Libro Galego de 1969, unha feira que tiña por lema “Merque un libro galego e axudará ao espallamento da cultura galega”. En 1971 rexístranse os primeiros estatutos da Agrupación que desde ese momento se converteu nunha referencia da vida cultural de Ribadeo e a costa de Lugo. Dores Fernández Abel é a actual presidenta e conversamos con ella sobre o pasado, presente e futuro da AGFL.

-Quen era Francisco Lanza e cal foi o peso desta persoa para crear unha agrupación que leve seu nome?

Francisco Lanza (1892-1951) foi un galeguista de preguerra, e exercía de xornalista que ademais colaborou co Seminario de Estudos Galegos e logo emigrou a Arxentina. Creou dúas publicacións sobre Ribadeo: Ribadeo antigo e Falan os de Ribadeo e nese sentido a súa memoria si que é lembrada e recoñecida. Foi unha sorte escoller este nome para esta agrupación segundo contan os compañeiros que a fundaron naquel momento. Isto débese a que durante a ditadura se escollían nomes sen connotacións políticas. Ao final escolleuse este nome que se asociaba coa defensa da lingua e cultura galegas nesta vila.

-A Agrupación arriscou moito nos seus primeiros anos pola súa promoción do uso e difusión da cultura en galego.

Si, polo que contan os compañeiros eran tempos complicados, alá polo 1969 cando se comezou coa Feira do Libro Galego de Ribadeo, logo en 1971 inscribiron os estatutos, por tanto sería o ano do seu nacemento oficial.

-Estanse realizando traballos a prol da memoria de Francisco Lanza, de recuperar a súa memoria e legado, sobre todo pensando en achegar a súa figura á xente de Ribadeo?

De momento non, máis que nada porque el emigrou moi novo a Arxentina e o que pervive del son as súas obras, das primeiras que falan de Ribadeo e da súa historia. Mais sobre a súa vida despois de emigrar sabemos moi pouco. Non sabemos se coñeceu a Castelao ou cal foi a súa traxectoria vital. Si sabemos que foi xornalista e que desde Arxentina publicou Dous Mil Nombres Gallegos. A partir de aí non se sabe máis. Tampouco desde a Agrupación se fixo un traballo de investigación sobre a figura de Lanza porque a nosa capacidade para investigar é moi pouca. O legado que deixou une Ribadeo, o galeguismo e a defensa da lingua galega, mais o interesante sería coñecer a súa vida de cando estivo fóra. Por outra parte, non coñecemos ninguén da súa familia aquí en Ribadeo que nos puidese dicir algo sobre el. Ademais, despois de irse parece que non tivo un contacto estreito con Ribadeo. O feito de recollermos o seu nome para a Agrupación foi pola súa traxectoria vital, política e de defensa do galego.

-Cales son os fitos da Agrupación durante estes cincuenta anos?

Un gran fito é manterse viva durante cincuenta anos e seguir viva. Seguimos adiante e iso é importante. Contamos con socios e socias ademais dunha directiva que se move. Creo ese é o maior logro que pode ter, de estar viva e defendendo a lingua e cultura galegas e todo co que teña a ver coa nosa cultura e tradición. Outro fito foi a Feira do Libro Galego polas persoas de Ribadeo e as que viñan até aquí por libros en galego, nunha época moi difícil. Lembremos que estamos nunha ditadura con todos os atrancos engadidos a ela e con persecucións, máis ou menos disimuladas. A Agrupación foi expulsa da súa sede polo último alcalde franquista, só por poñer a bandeira galega. Foi un momento moi duro.

-Recuperouse o local?

Non, a Agrupación leva moitos anos sen sede social e se hai unha é o domicilio do presidente ou presidenta. Esta situación por veces pode traer algunha complicación. Ademais, por outra parte é bo lembrar que esta mesma agrupación promoveu o asociacionismo mesmo deportivo en Ribadeo, natación, vela, paseos en bicicleta e cousas semellantes, o teatro foi outro fito e con moito éxito na vila e nas parroquias. Había xornadas de verán para a xente máis nova, podía ir todo o mundo e nos últimos 19 anos levamos realizando xornadas de historia local para recuperar aspectos da nosa historia. Sempre celebramos as Letras Galegas e en relación con iso levamos adiante “Palabras no balcón”. Son lonas que se confeccionan para colgar dos balcóns na zona centro e nelas están escritos versos de poemas da persoa á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Nestes momentos hai lonas en Ribadeo con versos de Xela Arias. Actualmente tamén continuamos cos paseos, o primeiro sábado de cada mes para coñecer a contorna natural, etnográfica ou histórica e tamén por concellos do arredor de Ribadeo.

-Para ter un novo local pediuse ao Concello un lugar mesmo para gardar os fondos documentais?

Si, si que se falou, mais de momento non se deu cunha solución. Tampouco somos a única agrupación en Ribadeo. En todo caso debemos dicir que a colaboración coa nosa agrupación e outras asociacións é excelente. Grazas ao Concello temos un convenio de colaboración hai anos e podemos levar adiante actividades que doutra maneira sería imposible.  No noso caso temos posto cartos para actividades e iso é unha dificultade, porque sen apoios de institucións públicas todas as accións son dificultosas.

Conversa con Xosé Yáñez, ex-presidente da Agrupación Francisco Lanza

Xosé Yáñez Basanta foi un dos fundadores da Agrupación Cultural Francisco Lanza. Asumiu xunto con outras persoas, o reto de levar adiante unha acción como a Feira do Libro Galego en Ribadeo.

-Como foron os comezos desta iniciativa?

Comezamos coa Feira do Libro Galego e de aí nace a Agrupación da que foi primeiro presidente Francisco Moreda, eu fun o vicepresidente. Despois de que pasou un ano foi para Madrid e seguín eu no posto até 1978.

-Que cousas coñece sobre a figura de Francisco Lanza?

Era un personaxe de Ribadeo moi relacionado co mar, mesmo non me estrañaría que fose armador e pouco menos. Tamén teño a idea de que foi xornalista en Arxentina.

-De quen saíu a idea de poñerlle o nome de Francisco Lanza á Agrupación?

Como era unha persoa que tivera certo peso en Ribadeo escolleuse ese nome. Tamén é certo que lle puxemos a denominación “agrupación” e non “asociación” para que puidese entrar calquera ribadense. Era unha agrupación galeguista mais aberta. Houbo tamén algúns arpexios para frearnos, mais non puideron con nós. A pegada que deixará esta Agrupación será a cultura marcada polo galeguismo sen política, senón de carácter cultural sempre.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...