InicioCulturaEntrevista a Xoán Guerreiro: "A forma industrial de vivir coa dixitalización fai...

Entrevista a Xoán Guerreiro: “A forma industrial de vivir coa dixitalización fai que a parte bohemia da arte amorteza”

Xoán Guerreiro (Xove, 1956) é un pintor de formas “que nos tocan vivir no noso momento”. A súa obra pictórica é un paso sobre as formas realistas que agochan “a parte abstracta” da mirada humana. Deseñador de murais, serigrafías, mais sobre todo cadros de diferentes dimensións, o conxunto da súa pegada deixa unha sensación de que a arte si serve para reflectir a realidade que nos toca vivir no noso momento.

Publicada o

- Advertisement -

-Sénteste como un pintor case exclusivo da Mariña?

Nunca tiven ese sentido de exclusividade. Quéroche dicir que estou moi contento co meu traballo, porque o fago honradamente, de maneira concienzuda. Si que me alegro dos éxitos, mais penso moito no meu traballo e na miña historia. É unha sorte ser de onde son e que a paisaxe da Mariña forme parte do que fago. Esa é a miña alegría.

-Gustaríache ver novos artistas que estuden o teu traballo para realizaren eles o seu?

Si que me gustaría. Ser coma un leito ou un camiño por onde se pode ir e mostrar outros camiños para seguir. Sempre botei de menos a falta de referentes abertos para seguir novas vías. O meu percorrido foi case autodidacta porque, á parte do que podes aprender nunha academia, o percorrido neste terreo é de soidade, de ir camiñando só. Por iso digo que ser referencia para alguén é un valor importante.

-Ser autodidacta non sería doado nun lugar onde case que non existían referentes.

É a túa personalidade quen marca a túa historia. Sempre fun unha persoa romántica e implicada coa natureza. Todo resulta máis doado cando tes a capacidade de convivir coa natureza que te arrodea. Esta postura a min seriviume de moito e así fun tirando para adiante reflectindo a idiosincrasia que eu estaba vivindo. Todo iso para min era chegar ao camiño, á meta que xa tiña na mente.

-A meta era tamén elixir o estilo co que reflictes as túas pinturas?

Penso que a realidade ata certo punto é unha abstracción e é efímera. Plasmar a visión real non deixa que teña detrás a mensaxe totalmente abstracta, hai uns conceptos totalmente abstractos e ti tes que chegar a eles pola visión real. De todas maneiras, penso que era a miña forma de desenvolverme pois a min gustábame debuxar, contemplar e a contemplación en estado puro, logo veñen as connotacións por nostalxia e as motivacións polos cadros que pintas. Falo de moitos sentimentos humanos que baixo o veo da realidade podes plasmar perfectamente. Creo que me sinto cómodo nesa postura e mesmo penso que queda moito por aprender nesta realidade.

-O tratamento da persoa resúltache máis difícil que o tratamento da paisaxe no teu traballo?

Non, ao revés. Eu pintei moita figura, moita esencia humana, mais chegas á conclusión de que é efémera, somos persoas que estamos de paso e non estamos. En cambio, o abstracto, o conceptual, o perenne, van continuar aínda que cambie o modo, vai continuar a través do tempo, iso é o que perdura. Creo que esas connotacións tanto en edificios, faros ou trens van quedar a través do tempo. Pode cambiar a metáfora da visión, mais eses elementos van perdurar, non é un tránsito efémero senón universal. Iso deixará pegada de todo canto fixemos.

-Moitos dos teus traballos tratan a paisaxe industrial e urbana. Que dirías a quen non ve como paisaxístico unha construcción industrial, por exemplo?

Pois observalo como parte patente do tempo que lle correspondeu vivir. Iso vai ser un reflexo que marcará o noso tránsito, entón hai paisaxes urbanas e industriais que non corresponderán a unhas épocas. Nós reflectimos un estado da época que nos tocou vivir e eu creo que para iso está a arte, para concretar aquilo vivido en cada momento. A min tocoume que a industria forma parte imporante da vida como a paisaxe urbana. Vivimos nun mundo globalizado, nun mundo das cousas, non como noutros momentos como os mundos platónicos, agora toca vivir o mundo das cousas.

-Cres que a xente nova está perdendo contacto coa creación, coa arte como vía de expresión?

Tal como evolúe o mundo non creo que estean perdendo a conexión, só que interpretan o mundo ao seu xeito. Creo que o paso da bohemia ou romanticismo estase deixando asimilar pola dixitalización, esta forma industrial de vivir fai que a parte bohemia da arte amorteza un pouco. Creo que toda forma de expresión é válida e os temos se adaptan aos novos formatos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...