O festival de música metal, punk ou hardcore Resurrection Fest regresa este xoves a Viveiro despois da suspensión da edición do 2020. O evento, nomeado como ‘Limited’, desenvolverase durante tres días cun formato reducido polo que pasarán quince bandas.
Este mércores foi presentada a cita do festival, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da súa marca FEST Galicia e do Xacobeo 21-22 para promocionar un destino musical seguro e de calidade; ademais da axuda da Deputación de Lugo taxada en 50.000 euros.
O acto contou coa presenza do director e subdirector do Festival, Iván e David Méndez; a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; ou a directora de Turismo da Xunta, Nava Castro; entre outros.
Deste xeito, o ‘Resu’ regresa cun formato pequeno que terá lugar no campo de fútbol de Celeiro cun aforamento que non superará as 1.500 persoas, que seguirán os concertos en zonas delimitadas para evitar as aglomeracións.
A organización tivo que realizar modificacións de última hora debido a que os grupos Non Turning Back e Devil In Me decidiron cancelar as súas actuacións por organizarse o festival con público sentado.
Os dirixentes explicaron que respectan a decisión das bandas e confían en “poder velos pronto” en Viveiro. “Cando se pechou, o festival podía ser de pé grazas ao nivel baixo de restricións, pero finalmente a comarca segue con nivel alto e o festival será sentado”, alegaron.
Os grupos Viva Belgrado e Teksuo serán os encargados de suplir os ocos libres no cartel. Ademais, a banda alemá The Ocean actuará o venres por motivos loxísticos, pasando ao xoves a actuación do grupo galego Bala.
Os concertos comezarán este xoves a partir das 17,00 horas da tarde. O grupo galego Aphonnic será o primeiro en subirse ao escenario, polo que pasarán tamén Kreator, Eluveitie ou While She Sleeps. Desde a organización remarcaron que o evento seguirá o cumprimento de “as medidas de seguridade e prevención seguindo a lexislación vixente actual”.