-Tes formación muscial en violín. Cal o foi o motivo desa elección?
Non hai moita historia. Hai tempo tiveramos a oportunidade de coñecer os instrumentos de corda na Escola de Música de Xove, durante a nosa infancia. Daquela había un desexo de crear unha orquestra no Concello e foi así como fomos coñecendo os instrumentos de corda. Foi a primeira vez que vía diante un instrumento desas características. Realmente non foi unha escolla consciente senón que foi froito dun contexto cunhas necesidades primixenias. O anterior alcalde tiña interese en crear unha orquestra, desta maneira fomos coñecendo os instrumentos e parecía que se nos ía dando ben e a partir de aí conformouse unha sensación de equipo ou comunidade. Desde aí tirei a formación até completala.
-E a interpretación como actriz?
Acabei a carreira e comecei a traballar como profesora e intérprete nalgúns proxectos musicais, non obstante, nun momento dado tiven a curiosidade de explorar o “instrumento corpo”. Era algo que me chamara a atención desde pequena aínda que sen moita curiosidade. Logo durante 2010 e 2011 xa custaba subsistir como música e como profesora, así pois decidín prestar atención a outras inquedanzas e unha delas era o teatro e así comecei en Santiago, na Gentalha do Pichel. Para min foi como unha afinación instrumental, os músicos accionamos o corpo para afinar un instrumento, isto foi como acudir á orixe, ao instrumento corpo como instrumento en si. Isto foime atraendo máis, o traballo corporal e tamén o escénico. Ademais, isto serviu para ampliar a experiencia escénica que xa tiña de antes, por iso digo que serviu tamén para coñecer máis as posibilidades escénicas. Continuei a formación e intentei facer camiño por aí.
-Como desenvolviches a túa carreira profesional dentro da música?
Cheguei á docencia por emprego porque eu non tiña unha vocación docente. Durante a vida de estudante proxectas ser intérprete ou música, pois creo que son os desexos máis habituais nunha estudante de música ou de calquera arte. Persoalmente o que máis me gustaba ou o máis atractivo para min era o traballo orquestral, un desexo xuvenil. Logo vas rematando a carreira e ves a esixencia e disciplina que todo isto supón. Rematada a carreira tiven a oportunidade de ser profesora na escola musical de Ribadeo. Aí foi onde coñecín máis a docencia, onde tiven contacto cos nenos e coas nenas, basicamente era unha cuestión profesional. Nese tempo combinei traballo con proxectos como intérprete na zona de Ribadeo e logo en dúas orquestras.
Acabei a carreira e comecei a traballar como profesora e intérprete nalgúns proxectos musicais, non obstante, nun momento dado tiven a curiosidade de explorar o “instrumento corpo”
-Estás describindo unha relación moi temperá coa música.
Si, desde moi nova. Con dezaseis anos ingresei na Xoven Orquestra de Galicia, que daquela era o proxecto de formación estudantil no país até a formación da Real Filharmonía de Galicia e durante os primeiros 90 foi un dos proxectos pioneiros en canto formación musical no Estado. Así foi como recollín toda esas experiencias. Por iso digo que a docencia foi unha saída laboral e seguín por aí mais de maneira intermitente. Foi unha maneira de gañar a vida, pois coa interpretación é máis difícil se non hai unha base laboral e salarial que permita desenvolver ese traballo.
-Hoxe en día ves posible a creación de proxectos como aqueles onde empezaches ti?
Avanzouse máis. Comezouse en Xove no 1990, xa daquela existía o Conservatorio de Viveiro e débeselle sumar a tradición de bandas populares. Non había tradición de corda, eran descoñecidos e non habituais no panorama. Por iso digo que a de Xove foi iniciática con respecto a outras experiencias creadas na Mariña. Está a figura de Carballal quen foi o noso primeiro mestre aquí, ademais de ser impulsor e promotor da formación musical. A partir de todo iso agora temos mínimo, seis escolas de música. Non todas teñen agrupacións en funcionamento, vexo que é algo máis difícil hoxe o funcionamento de espazos colectivos. Vexo máis dificultade niso, mesmo no contexto das ecolas municipais, parece máis difícil a dispoñibilidade, a disposición e mesmo a motivación para xerar conxuntos ou grupos. Non obstante, segue sendo necesario un lugar ou marco común para reunir todo iso que está pasando a nivel local. Así e todo, vai comezar un proxecto músicosocial na Mariña da man da Fundación Bal y Gay, e tamén formarei parte do equipo.
-Entón aí si temos un lugar de encontro.
Si, aí temos un lugar de encontro de todas as individualidades porque será un punto de integración a través da música. Neste caso un punto de encontro e integración infantil a través da música.
segue sendo necesario un lugar ou marco común para reunir todo iso que está pasando a nivel local
-Como se mantén a disciplina para non abandonar a música?
Ás veces acontece iso de querer deixalo por un tempo, facer unha paréntese. O exemplo é cando comecei a facer teatro. A música viña custando, sobre todo subsistir dun traballo artístico, sobre todo se non hai bases, recursos ou tempo. Iso fai que aparezan ganas de desistir ou buscar outras posibilidades. Como se mantén? Supoño que é como un camiño de resistencia, unhas veces é máis difícil ou menos. Aínda así, cómpre unha alta determinación e unha gran resistencia. Tamén hai un impulso de dicir: isto é o que quero facer. Non é doado vivir de disciplinas artísticas. Houbera prestarse máis atención ao talento e creatividade galega en xeral. Hai moito talento. No caso do cinema galego está creando diálogo en Europa e tamén no caso da música, por iso falo de pór en valor o talento que temos.