O parque de San Francisco en Ribadeo abrirá desde o día 3 o Mercado do Nadal de Ribadeo. Nesta XVIII edición haberá 25 postos de artesanía cunha gran variedade de produtos (cerámica, xoiería, xoguetes e costura) así como postos de alimentación, onde se poderán mercar embutidos, doces, chocolates ou produtos de panadería.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, anuncia que “a apertura deste mercado será o venres ás 17 horas e esa mesma tarde ás 18.30 organízase unha chocolatada para todo o público asistente na Oficina Vella de Turismo.
As tardes do sábado e do luns están pensadas para nenos e nenas, que terán o seu espazo especial no propio mercado, con obradoiros de 17 a 19 horas, tamén na Oficina de Turismo Vella. A música terá un especial protagonismo nas tardes do Mercado de Nadal, con actuacións de bandas como Body&Soul, The Goodmen, La Bandina del Fuelle ou o espectáculo de rúa a cargo do Xouman O Pulpiño Viascón.
O domingo ao mediodía disfrutaremos de Malajunta Tango Dúo, co seu espectáculo Apiazzolados. Todas estas actuacións serán no quiosco da música, no parque, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Incluído neste programa musical contaremos tamén na tarde do sábado, dentro do programa do VII Festival de Jazz & Blues, coa actuación do grupo Marlango no auditorio municipal.
“Teremos deste xeito unha fin de semana e unha ponte festiva cargada de actividades para todos os públicos, co que agardamos e animamos a que veña moita xente visitar o Mercado do Nadal, tanto veciños de Ribadeo como de localidades próximas e amigas”, rematou Pablo Vizoso.