Foz recupera este xoves a memoria das protestas de maio do 68. A asociación cultural A Pomba do Arco reunirá nunha mesa redonda os testemuños de mariñáns que viviron as mobilizacións de estudantes e obreiros e que, nos anos posteriores, contribuíron desde Francia á erosión do franquismo.
Adolfo Paz estivo no corazón das revoltas, no Barrio Latino de París, onde chegou en febreiro dese mesmo ano para ver unha irmá que emigrara a Francia.
“A miña primeira intención non era quedarme. Tiña traballo aquí se volvese. Pero aquelo era outra mundo. Xa había bastante axitación nas rúas, e a actividade foi a máis nos meses seguintes con oradores en cada esquina”, afirma.
Recorda vivamente a imaxe de Jean Paul Sartre “dirixíndose á multitude, encaramado nunha árbore, con aquel ollo torto, parecía un mendigo e era un filósofo revolucionario”.
Escoitou a outros. Daniel Cohn-Bendit, un dos líderes estudiantís das revoltas, ou Francois Mitterrand, despois presidente da República. Estivo na “noite das barricadas” do 11 de maio “escapando e correndo diante da policía”, que reprimiu aos manifestantes ferindo a centos.
Adolfo Paz coincidiu nas rúas con Daniel Cohn-Bendit, Francois Miterrand ou Jean Paul Sartre
“Había unha actividade que te enganchaba. Xente con moita conciencia de clase. Aquí non se podía decir nada: facer o que che mandaban e cobrar o que che pagaban”, compara. Paz comezara a traballar na Renault en abril.
“Nos cambios de turno os estudantes viñan a repartir octavillas e pedindo que apoiaramos as mobilizacións. Na fábrica as condicións de traballo fóranse deteriorando, os soldos non subiran o que subira o costo da vida”, explica.
“A empresa estaba cambiando o modelo de produción para automatizala e non investían no mantemento do sistema vixente. Había moitos accidentes sobre todo no departamento de chapa e pintura, onde eu traballaba. As planchas cortaban os dedos aos obreiros cada día. Nos fomos os primeiros en saír á folga, en contra da vontade dos sindicatos. Sumáronse ao terceiro día. A fábrica estivo pechada tres semanas”, continúa.
O emigrante participou na folga que mantivo a fábrica de Renault en París, con uns 12.000 obreiros, pechada durante tres semanas
“Chamábanlle a fortaleza obreira porque estaba nun recinto pechado, como amurallado. Eramos uns 12.000 traballadores”, comenta o emigrante, afiliado a CGT-Fuerza Obrera, un sindicato da corrente “socialdemócrata”, matiza.
“Eu nunca fun un revolucionario. Tiña inquedanzas, gustabame saber o porque das cousas pero nada máis. Se en lugar de vivir no Barrio Latino vivise nas aforas, coma outros emigrantes, seguramente nada disto tería sucedido”, conclúe.
As protestas obreiras diluíronse tras as negociacións dos sindicatos. “Subíronnos o soldo e humanizaron as condicións de traballo. Era o que pedíamos nese momento”, explica o traballador que, nas reunión sindicais, coñeceu a Xosé Paz Vázquez, alcalde de Foz entre 1983 e 1987. El introduciuno no Partido Socialista Obreiro Español.
Nunha das primeiras viaxes a Galicia, a Comisión Executiva encargoulle contactar con algunhas persoas para intentar reorganizar o partido. “Ramón Couto e Pastor, que xa tiña cerca dos oitenta anos cando cheguei onde el, foron os únicos que se interesaron por retomar a relación co partido en Francia”.
Paz recibiu o encargo de restablecer o contacto entre os socialistas exiliados e os que quedaran para intentar reorganizar o partido en Galicia
Di que correu un risco medido. “Sabía ao que me expuña, cinco anos por asociación ilícita e cinco por propaganda ilegal. Pero estabamos convencidos de que non ía levantar sospeitas. O meu único xesto de rebeldía ata daquela fora deixar barba cando facía o servizo militar. Estaba prohibido”, ri.
“Creo que a miña participación en todo isto sorprenderá a moitos, incluso ao meu fillo”, sinala.
ESCAPAR DA REPRESIÓN
A súa peripecia vital difire da doutro mariñán nas mobilizacións do 1968, Luís Gonçales Blasco “Foz”, que chegou a Francia fuxindo da represión franquista.
Fundador da Unión do Pobo Galego en 1964 e dirixinte das primeiras organizacións estudantís clandestinas na Universidade de Santiago de Compostela, nese ano “coa policía seguíndome os pasos” decidiu marchar a Francia para pedir asilo político.
Conta que para chegar a Perpignan tivo a colaboración dalgúns cregos cataláns que ofrecían un salvoconduto aos exiliados.
“Eu fun dos primeiros nacionalistas en chegar a Francia nos sesenta. Antes marcharan algúns militantes do Partido Comunista pero a maioría dos exiliados chegaron despois”, indica.
Foz, fundador da UPG, chegou como exiliado a Francia en 1968, onde contou coa axuda de Ramón Chao
“Quen me botou unha man foi Ramón Chao, que daquela traballaba na radio francesa”, explica o mestre focego. “El estivo nas barricadas e nas grandes mobilizacións de París, ocupando colexios canda os estudantes franceses”, expón.
Pero o maio francés levantarase tamén sobre outros mimbres. “O movemento obreiro cobrara forza en todo o país durante esa década, con folgas anteriores en Nantes, por exemplo”, asegura.
A oposición á Guerra de Vietnam tamén foi catalizador de protestas, non só en Francia, en moitos países de Europa, mesmo en Galicia onde se creou a Unión Galicia Vietnam”, contextualiza o nacionalista, que falará da xénese dos movementos estudiantís que axitaron Santiago de Compostela en marzo de 1968.
SANTIAGO
Un dos centros neurálxicos da protesta foi a Facultade de Ciencias, onde estudaba cuarto de Químicas Olga Villarino, que tamén participará na mesa.
“Rebelámonos contra as posicións autoritarias do decano Xaquín Ocón, que non atendía as demandas dos delegados nin recoñecía os dereitos das asociacións de estudantes. Houbo folga e manifestacións que paralizaron as clases”, relata.
Olga Villarino viviu as protestas estudiantís de marzo de 1968 en Santiago de Compostela
As protestas culminaron co peche dos estudantes na Facultade de Letras co que simpatizaron moitos composteláns.
“Recordo que levaban comida aos que participaran no peche”, comenta Villarino que se licenciou dous anos despois. “Naquel momento non era consciente da transcendencia daqueles movementos pero dalí saíron líderes sindicais e políticos. Recordo a Vicente Álvarez Areces“, narra.
“A sociedade civil solidarizouse pero en Santiago de Compostela non había obreiros e a represión franquista era forte”, completa Foz, que xa tivera que fuxir e que mantivo a súa acción política como membro da UPG no exilio. “Tivemos contacto con grupos españois e franceses e con movementos de nacións oprimidas que logo frutificaron na Carta de Brest“, relata.
“A Galicia enviabamos programas, libros e propaganda a través de persoas que estaban en situación legal e que accedían a levalos, arriscándose”, comenta. “Un dos materiais que escaseaba era unha seda que se empregaba para o funcionamento das multicopiadoras, as vietnamitas. Aquí a súa venda estaba moi controlada”, explica.
Foz tivo dificultades para conseguir o pasaporte e para convalidar os estudos que realizara no exilio
Tras a morte de Franco, a incipiente democracia non recoñeceu estas loitas. “Non me deron o pasaporte ata despois das primeiras eleccións. Pedíao e negábanmo”, explica Foz.
“Déronllo antes a Santiago Carrillo que a min!”, conta. “En Francia fixen estudos que aquí non puiden convalidar. Tiven que agardar ata o goberno de Felipe González, cando se aprobou un decreto que permitiu a convalidación á xente exiliada”, indica.
O título de Filoloxía Románica habilitouno para dedicarse ao ensino, que exerceu en Compostela ao tempo que continuou coa acción política e cultural, significándose no reintegracionismo como vicepresidente da Associaçom Galega da Língua.
RESTAURAR O PASADO
“Son relatos dun pasado que se mantén agochado malia a súa proximidade temporal e que compre restaurar”, explican desde a asociación A Pomba do Arco.
A mesa contará tamén coa intervención de Moncho Hermida, que falará doutras loitas que “comezaron a abrir as fendas no réxime ditatorial e sentar as bases dunha sociedade máis democrática”.
“As protestas dos universitarios confluíron coa reorganización na clandestinidade das correntes políticas antifranquistas, a posta en marcha dun movemento cultural dedicado á defensa e divulgación da cultura galega, a revolta dos labregos do Val de Castrelo contra a política hidroeléctrica de Fenosa ou a aparición de Voces Ceibes“, episodios que recolle no volume “Galiza 1968: A consciencia avivada”.
“A sociedade actual segue en débeda co compromiso de todas esas persoas”, conclúe. A mesa redonda celebrase a partir das 20.30 horas na Libraría Bahía.