InicioCulturaLionel Rexes: "Temos unha lingua de prestixio no literario mais non goza...

Lionel Rexes: “Temos unha lingua de prestixio no literario mais non goza do mesmo prestixio en determinados ámbitos urbanos”

Lionel Rexes (París, 1971) é un autor afincado en Alfoz. Este 2021, e por segunda vez, leva o Premio Lueiro Rey de novela curta convocado polo Concello do Grove. "A Montaña do Poeta" é o título da súa obra gañadora. Anteriormente fixérao con "A Raíña das Belutinas" en 2016. Á parte do labor literario tamén fixo traballos de investigación como "Ditos e Refráns do Valadouro", segunda obra editada polo Seminario de Estudos do Valadouro.

Publicada o

- Advertisement -

-Esta é a segunda vez que lle outorgan o Lueiro Rey, a primeira foi en 2016. É como se houbese unha querencia entre O Grove e vostede.

O certo é que levei unha alegría. O Lueiro Rey é un premio que todas as persoas que escribimos lle temos respecto por dúas cuestións. A primeira é levar o nome de Manuel Lueiro Rey, un autor senlleiro no sistema literario galego. O segundo motivo é que estamos diante dunha cita consolidada no panorama literario galego, chegou nesta ocasión á XVIII edición, un dos máis antigos e que goza de moita consideración entre os que escribimos. Desta maneira, todos os que nos dedicamos á narrativa temos o ollo posto sobre este certame. Entón si, hai cinco anos enviara o borrador de A raíña das velutinas, e tiven a fortuna de ser escollido. Foi un libro que funcionou moi ben, cunha segunda edición en 2018 que nos tempos actuais é unha moi boa noticia. Esta foi unha novela que fixen e refixen e cando coincidiu coas bases do premio do Grove foi cando enviei. Todos os autores temos a ilusión de poder gañar e os certames en galego están moi concorridos e cada vez máis persoas escriben en galego. E si, levei unha alegría o sábado pasado cando me dixeran que A Montaña do Poeta fora o texto escollido.

-Cal é a raíz deste traballo?

Hai un vínculo entre unha casa no Concello de Alfoz, onde vivo, e o poeta Noriega Varela, quen era coñecido como O Poeta da Montaña. Eu doulle a volta a esa denominación e titulo A Montaña do Poeta, un libro que parte dun feito real acontecido a finais do século XIX e comezos do XX, época na que viviu Noriega Varela, aproveito iso para facer unha ficción traída á actualidade. A novela é radicalmente actual. Aínda que hai varias tramas, unha das principais trata sobre a política penitenciaria utilizada de xeito vingativo por parte do poder e a partir de aí nacen varias subtramas.

-O Lueiro Rey é un premio para novela curta. Este estilo permite ter varias tramas?

Si, por suposto. Creo que a novela cando é novela, independentemente da súa extensión, debe ter varias tramas. Ás veces levo decepcións cando adquiro novelas doutros autores e vexo argumentos planos, que poden ser de alta calidade, mais que non deixa de ser un relato dilatado. Por iso considero necesario que as novelas teñan tramas e subtramas e estaren cohesionadas. Para ser considerada novela debe ser unha narración complexa, se só ten unha trama é un relato, un estilo tan digno como a novela.

A Montaña do Poeta, un libro que parte dun feito real acontecido a finais do século XIX e comezos do XX e aproveito iso para facer unha ficción traída á actualidade

-Hai quen considera difícil tanto participar como gañar un concurso literario vivindo lonxe de grande núcleos de poboación.

A quen afirma tal cousa eu diríalles o mesmo que dixo Castelao hai cen anos: “desde a xanela máis pequena pódese admirar a grandeza do ceo”. Hoxe en día unha persoa que viva nun concello rural está informado do que acontece no mundo grazas á tecnoloxía. É a mesma pregunta que me fixeron hai anos: “en galego pode tratarse calquera tema?”, pois en galego pódese escribir unha novela negra que transcorra en Manhattan. As linguas non son impedimento, o mesmo pode acontecer cunha novela en inglés que pode ser pésima, aborrecida e sen calidade. A cuestión é o manexo da lingua e das tramas. Vivo no rural e estou orgulloso, sei como se vive na cidade ou en calquera outro ámbito. Durante a pandemia, as persoas que viven no rural non percibimos esa claustrofobia que percibiron as persoas que vivían en ámbitos urbanos.

-Ten un libro, Ditos e Refráns do Valadouro,o traballo de campo para recollelos non foi difícil? Pregunto porque moitas das persoas que gardan este patrimonio inmaterial son xente maior que ao mellor morreron sen ter recollido o que sabían.

Non foi difícil porque non fixen unha recolleita como fan moitos investigadores de ir casa por casa. Foi un traballo que levei adiante inconscientemente durante anos, falando con veciños e veciñas, compartindo xantar ou compartindo un café na taberna, eu escoitaba ditos en palabra de persoas de todas as idades. Evidentemente, as persoas maiores gardan moitos máis destes ditos. Cando vin o uso frecuente destes asertos, comecei a apuntalos nun caderno pequeno e logo creei un arquivo no computador para coleccionalos dunha maneira rigorosa. Isto coincidiu cando nacía o Seminario de Estudos do Valadouro, unha sociedade cultural da que formo parte e estou na directiva, así foi como lles presentei aos compañeiros e compañeiras este traballo de recolección dos ditos e refráns dos concellos do Valadouro. A idea prosperou como publicación e xa é o segundo caderno editado polo Seminario de Estudos do Valadouro. Foi un labor moitas veces inconsciente e sen saber que faría con eles no futuro.

considero necesario que as novelas teñan tramas e subtramas e estaren cohesionadas

-Vostede naceu na emigración, como foi a súa adaptación ao retornar desde Francia, onde estaban emigrados?

Non volvemos exactamente desde Francia. Nacín en París, si, mais cando tiña tres anos mudámonos para Madrid. Vivín alí desde os tres até os vinte e tres anos. Alí fixen o bacharelato, a carreira de Maxisterio e antes de que viñese a familia, decidín volver eu antes porque xa tiñamos casa aquí. Foi unha decisión persoal porque sempre me considerei galego a pesar de nacer e criarme fóra. A adaptación foi sinxela por vivir nun fogar galego falante, porque a miña familia falou galego sempre, non só no fogar, senón que eramos unha colectividade ampla en Madrid e para min falar en galego non era unha rareza. Cando vin vivir a Galicia para min a adaptación non foi difícil.

-A súa novela A Raíña das Velutinas foi unha novela moi ben acollida tamén.

Estou contento porque foi moi ben acollida pola crítica e polo público. Daquela era un novelista descoñecido, tiña traballos colectivos, mais como novelista nunha editorial potente non era coñecido. A novela si que tivo unha boa acollida no público ademais de recoller boas críticas. Non é que me preocupara a crítica, mais foi algo realmente sorprendente para min.

-Cales son os universos literarios que aínda lle quedan por percorrer á escrita en galego?

Posiblemente ámbitos urbanos de fóra de Galicia, mesmo de fóra de Europa. Logo a ciencia-ficción, un xénero do que non son usuario mais creo que aínda temos esa débeda da ciencia-ficción en galego. Con todo, creo que falta por reflectir ambientes urbanos de fóra, para demostrarlle ao público que o galego é unha lingua tan válida como outra calquera.

a miña familia falou galego sempre, non só no fogar, senón que eramos unha colectividade ampla en Madrid e para min falar en galego non era unha rareza

-O número de falantes en galego diminúe fronte ao aumento de creadores e creadoras literarias. Por que cre que se dá esta contradición?

É algo do que poucas veces vexo que dea de conta a xente sobre todo cando escribe artigos de opinión sobre a lingua. É certo o da perda de falantes, mais que acontece na literatura? Mesmo aqueles galegos e galegas que non falan no noso idioma, teñen a literatura galega como algo de calidade. Eu creo que é grazas a eses referentes xa en séculos pasados, como os do Rexurdimento ou a mesma Rosalía de Castro. Todo o pobo galego, independentemente da ideoloxía o da escolla da lingua, saben que a literatura en galego é unha literatura de prestixio. Outra cousa é que non lean en galego mais vexo ben o respecto cara a Rosalía, mesmo dicindo “Rosalía é o noso símbolo” e eu dígolles, “si, mais liches a Rosalía?”. Temos unha lingua de prestixio no literario mais non goza do mesmo prestixio en determinados ámbitos urbanos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...