Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1969) é un apaixonado das viaxes e da Historia. Algo hai das dúas paixóns en ‘Matar o heroe‘, a obra que gañou a primeira edición do premio de novela Vilar Ponte, que convoca o Concello de Viveiro. O docente pontevedrés voltará á Mariña -onde exerceu- o venres, para recoller o galardón.
“Ser o primeiro en recibir o premio é unha responsabilidade, pero tamén un orgullo. Agardo que o Vilar Ponte de novela dure moitos anos”, expón o autor, que admira a obra dos viveirenses que levan o nome do galardón.
“Os irmáns Vilar Ponte son referentes da cultura galega e Antón paréceme un dos xornalistas de máis alto nivel que houbo en Galicia. O seu traballo en El Pueblo Gallego é extraordinario e noutros países contaría xa cun premio a nivel nacional”, afirma Caamaño, que exerceu o xornalismo en Atlántico Diario.
O autor destaca a importancia dos premios literarios para a escritura e tira de símil futbolístico.
“Son a nosa canteira. Non se pode esperar a que saia un Cristiano Ronaldo sen categorías de base, sen campos para que os nenos podan xogar. Nun chanzo máis baixo, este tipo de galardóns, que ademais premian o uso da lingua galega, son un acicate para escribir. De aí sairán os futuros Cunqueiro ou Shakespeare”, afirma.
“OS PREMIOS LITERARIOS SON a canteira dos escritores. de aí sairán os futuros cunqueiro ou shakespeare”
PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL
Caamaño explica que a novela premiada conta “unha historia de corrupción” ambientada “na primeira Guerra Mundial e en datas posteriores, tanto en Francia como na Guayana francesa. O título da obra xoga coa ironía e palabra heroe, xa que neste caso o protagonista é carne de canón”, explica.
A idea da trama xurdiu das súas viaxes. “Dinme conta de que hai monumentos aos caídos na guerra por toda Europa. En Italia, Irlanda… E atopei un documento polo que o Goberno de Francia concedía subvencións para construílos. De aí parte o fío narrativo”, expón.
“‘matar o heroe’ é unha historia de corrupción ambientada na primeira guerra mundial, na que o protagonista é carne de canón”
O autor perfila o contexto da novela como un momento de estupor e crueza. “A Primeira Guerra Mundial foi o primeiro enfrontamento bélico industrializado. Os soldados pensaban que ían ir a cabalo e acabaron nas trincheiras, cunha tecnoloxía bélica impresionante. Foi unha masacre e algo dese horror hai na novela”, expón o escritor.
DOCE ANOS DE TRABALLO
‘Matar o heroe’ tomou forma durante doce anos, cun traballo de documentación. “Foi arduo. Quería acabar a novela para o centenario do inicio da guerra, pero remateina para o centenario do seu final”, asegura Caamaño.
“a gran guerra foi o primeiro enfrontamento industrializado. os soldados crían que irían a cabalo e a tecnoloxía provocou unha masacre”
A novela convida a mirar criticamente o pasado e a reflexionar sobre o presente, como o autor tenta facer co seu alumnado de Marín.
“A Historia ten sentido cando botamos unha ollada ao pasado con ánimo de aprender e de non cometer erros. Vivimos unha época de violencia, de odio aos pobres. Todos sabemos os niveis de corrupción da nosa sociedade”, indica, para concluír que “a maior mostra de corrupción é a guerra, matarse os seres humanos uns aos outros”.
PUBLICACIÓN
Por agora, non está claro que ‘Matar o heroe’ saia publicada, aínda que Caamaño, que falará co Concello de Viveiro sobre este tema, recoñece que ten “ofertas dalgunhas editoriais”.
PROFESOR EN BURELA
Antes, tócalle desprazarse á Mariña recoller o premio, dotado con 4.000 euros. Para Caamaño será un regreso ao pasado.
“na mariña exercín como docente. ía moito por viveiro e no valadouro tratáronme moi ben”
“Exercín como profesor en Burela. Ía moito por Viveiro porque me gustaba a praia e o sol e ás veces facía mellor tempo ca na Mariña central. Tamén teño relación co Valadouro, onde gañei un premio cun relato curto baseado nunha frase de John Balan, que dicía: ‘un home sen diñeiro é un vulto sospeitoso‘. Tratáronme moi ben alí”, lembra.
ACTO DE ENTREGA
Caamaño recollerá o Vilar Ponte de novela nun acto que se celebrará este venres, desde as 20.30 horas no teatro Pastor Díaz. Rocío Leira Castro levará o segundo premio, dotado con 1.000 euros.

O Concello convida a asistir a todos aqueles veciños que o desexen.
o concello convida aos veciños a asistir á entrega de premios do vilar ponte, ao que se presentaron 36 novelas
Presentará o evento o catedrático de Historia Contemporánea ribadense Lourenzo Fernández Prieto. A coral Son de Nós ofrecerá unha actuación musical.
Un total de 36 novelas participaron no primeiro premio de novela Vilar Ponte, co que o Concello de Viveiro quere “apoiar e difundir a literatura en lingua galega, co propósito de que se consolide e convirta nun premio de referencia”.