-Cales foron os pasos que seguiches para ser nominado para a Homo Faber Guide da Fundación Michelangelo?
Chamáranme desta fundación con sede en Suíza que traballa para dar a coñecer e promocionar aos mellores artesáns de Europa. Dentro dese labor de promoción está a Guía Homo Faber para promover a mellor artesanía feita arredor do mundo, ademáis do traballo dos propios artesáns. Tamén están moi interesados na conservación do patrimonio cultural, sobre todo en preservación de técnicas tradicionais aplicadas aos novos tempos. É dicir, observan a conservación das técnicas transmitidas de xeración en xeración e ao mesmo tempo a aplicación das mesmas no traballo actual.
-Como coñeceron o teu labor artesán coa forxa e as túas técnicas?
Gracias á rede. Estudaron a miña web e os seus contidos mentres investigaban por Internet na procura de diferentes técnicas de artesanía. Así foi como mo dixeron.
-Cres que esta nominación pode darlle un pulo ao teu oficio de ferreiro, ferreiro artesán neste caso?
Si, desde logo. Persoalmente considero a nominación como un motivo máis para seguir adiante co meu traballo. Ademais, unha nominación coma esta sempre pode avalar a un artesán de cara futuros proxectos. Por outra parte a min tamén me serve para dar a coñecer o taller pois quería comezar a aceptar xente nova en prácticas de empresa, mozos e mozas estudantes das escolas de forxa artística que normalmente non encontra unha forxa artística onde realizar prácticas con artesáns. Desta maneira aquí no taller terían un lugar onde aplicar os coñecementos recollidos nas escolas. Isto creará un movemento de cara a revitalizar o sector.
-Coñeces a situación das escolas de forxa artesanal?
Ainda que existen varias en España, a maioría son particulares e son centros regrados, a formación é curta, de dous anos, e non é tempo suficiente para formar un profesional.
-O teu taller está no Centro de Emprendemento de Sargadelos. Cando alguén oe falar de emprendemento ten na cabeza ao mellor iniciativas tecnolóxicas. Como lle explicas á xente que un artesán tamén pode ser un emprendedor?
Explicar que é un traballo, un esforzo por conservar o teu un día e outro día traballando como se fixo sempre. O doado sería ir cara unha produción máis moderna, máis rutinaria por iso manterse na artesanía é algo complicado, mais iso non quita que a artesanía sexa un oficio como outro.
quería comezar a aceptar xente nova en prácticas de empresa que normalmente non encontra unha forxa artística onde realizar prácticas con artesáns
-Cal é o aspecto máis atractivo para o público do teu taller?
O traballo da forxa en si, cando estás co ferro en quente. Ademais, o taller está nun edificio singular, son as antigas fundicións de Sargadelos que antes eran forxas, era como se o entorno pedise a forxa e cando tés as portas abertas e comezas a darlle forma co martelo ao ferro en quente, chama a atención a todo o mundo. Por parte da xente, cando me instalei sentín na xente sorpresa e tamén unha actitude de “está ben o que traes pois é moi propio para Sargadelos”.
-Traballas por encargo ou fas segundo as túas ideas?
Normalmente por encargo, non obstante os proxectos non son totalmente pechados. O cliente faiche saber os seus gustos e logo unha vez que os coñeces podes experimentar e fas unha proposta diferente a canto tés feito. Nunca se repiten traballos porque sempre estás probando e experimentando.
O doado sería ir cara unha produción máis moderna, máis rutinaria por iso manterse na artesanía é algo complicado
-De onde nace a túa vocación pola forxa?
Desde pequeno. O meu pai era profesor da Escola de Artes e Oficios da Coruña en concreto de cerámica e escultura, ademais de ter tamén un taller na casa. É por iso que para min desenvolver un proxecto de comezo a fin é algo lóxico. Tamén o meu pai tiña un taller pequeno de forxa e iso era o que me levaba a vida, sempre estaba metido naquel espazo. Logo fixen escultura, especialiceime en metal e foi a forxa o que máis me encheu, nunca deixou de atraerme facer calquera traballo deste tipo como poden ser cancelas, que son pequenas esculturas utilitarias.
-Que outros pasos seguiches para formarte?
Logo da Escola de Artes e Oficios da Coruña fun aprendendo noutros lugares. Aprendín fundición de bronce en Florencia, en Italia. Despois seguín un itinerario por diferentes forxas en España e en Europa até que tiven a oportunidade de facer traballos para a Sagrada Familia de Barcelona. Por iso teño un taller en Vic, ademais do de Sargadelos, aínda que este último teño intención de pechalo para centrarme en Sargadelos.
-Como compaxinabas os dous talleres?
O de Vic abrino porque había moito traballo na Sagrada Familia. Eramos un grupo de ferreiros que estabamos traballando alí porque había moita demanda. O taller abrino porque eu ía e viña e os encargos eran numerosos ademais de atender máis encargos particulares. Ademais en Cataluña hai unha longa tradición de forxa artística que naceu co movemento modernista. Logo, compaxinaba indo e vindo dependendo desde onde o pediran.
Nunca se repiten traballos porque sempre estás probando e experimentando
-A técnica que aprendiches en Italia non se facía en Galicia ou no resto de España?
Si, si que se facía esa técnica mais non había un lugar idóneo para aprender. Fun a Italia cunha bolsa, así ademais coñecía outros lugares e outras culturas ademais doutras maneiras de facer e talleres de fóra. Iso sempre che abre os ollos ao mundo e Florencia, en canto escultura, é un dos lugares onde mellor se aprenden técnicas deste oficio.
-Indo por diferentes forxas tradicionais, cal foi o método ou o elemento máis interesante para ti?
O mais interesante e importante foi sen dúbida o deseño e a exclusividade acompañados dunha boa técnica, era igual que fose o taller de coitelos de Vicente da Porteliña na Fonsagrada ou o de forxa modernista e de gran formato de Miquel Xirau en Vilanova do Vallés en Barcelona, o importante é distinguirse dos demais e sobretodo diferenciarse dun producto industrial.
-De todos os traballos que fixeches en Galicia cal é o máis destacado para ti?
Diríache que todos, pois cada un deles é un mundo distinto. Mais agora mesmo falaríache dunhas escaleiras feitas aquí en San Cibrao inspiradas no fondo mariño. As barandas das escaleiras están inspiradas nas correas, unhas algas desta zona que se están extinguindo.
-Qué lles dirías ás persoas máis novas que queiran explorar este terreo da forxa como unha saída profesional?
Todo é traballo e técnica, nada é regalado e inmediato. Aprender por ti, estudar, ser constante e aprender de todo o mundo.