O estudo sobre a implantación da oficialidade do asturiano encargado polo Executivo foi este mércores o motivo de debate entre o presidente do Principado, Adrián Barbón e a portavoz do PP, Teresa Mallada. Un debate no que a crise interna dos ‘populares’ tamén tivo protagonismo e mentres Barbón desexaba unha pronta resolución da mesma, Mallada advertiulle de que “non se faga falsas esperanzas” e asegurou que Aberto Núñez Feijóo ten clara a diferenza entre Asturias e Galicia.
“Non se preocupe tanto por nós. Feijóo ten clarísimas as diferenzas entre a realidade lingüística de Asturias e a de Galicia e a señora Ayuso vai saír desta difícil situación moito máis reforzada do que xa estaba”, indicou Teresa Mallada.
“Vaime a dicir vostede que hai un único modelo de oficialidade en toda España?. É o mesmo o de Galicia que o de Cataluña?. É o mesmo modelo o que impulsa Feijó ao que vostede agora tanto quere, que o que impulsa Pere Aragonés?. A resposta é non. Non hai un único modelo de oficialidade póñanse como se poñan”, respondeulle Barbón.
Neste sentido o presidente asturiano reiterou que hai posibilidade constitucional de levar a cabo un modelo de oficialidade amable e volveu a augurar que a posición dos ‘piopulares’ sobre o asturiano vai cambiar.
“Cando deixe de ser presidenta interina do PP verá como o Partido Popular cambia, migra a súa posición e toma novos aires, eses aires que veñen de Galicia, e que tamén van contaxiar ao PP asturiano, non sei se agora, se en 2023 ou se nuns anos, pero cambiarán”, indicou Barbón.