A deputada Mónica Freire e o deputado Efrén Castro, acompañados polo tenente alcalde de Foz, Xavier Fanego, e pola concelleira de Deportes e Mocidade, visitaron a exposición homenaxe a Quique Guerra “Diálogos, historia e ciencia, escultura e pintura”, organizada polo colectivo Tá en Artes no Cenima de Foz pola 7ª Semana das Artes Plásticas da Mariña.
A mostra, que reúne obras de 26 artistas arredor de pezas do propio Quique Guerra, está a recibir, desde o pasado 19 de abril e ata o vindeiro 6 de maio, visitas de escolares de colexios e institutos da Mariña, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que financia os desprazamentos en autobús, contribuíndo así ao coñecemento e difusión da obra do pintor e escultor no ámbito educativo.
En total, en pouco máis de dúas semanas, uns 1.500 nenos e nenas de centros de primaria e secundaria de Ribadeo, Alfoz, Viveiro, Mondoñedo, Cervo, Viveiro, Xove e Foz visitaron a mostra, guiadas polo artista Martín Lestao e polo historiador da arte Noel Redondo Lanzós.
A deputada mariñá Mónica Freire felicitou ao colectivo Tá en Artes polo traballo que están a desenvolver “na difusión da obra de artistas da Mariña e tamén na socialización da linguaxe artística, especialmente no ámbito educativo. A boa acollida desta iniciativa por parte dos centros escolares da Mariña supón un reforzo desta labor na que entendemos que as administracións debemos colaborar activamente”
CENTROS PARTICIPANTES NAS VISITAS
Entre os 1.500 nenas e nenas que participan nas visitas atópanse alumnos e alumnas do IES Dionisio Gamallo (Ribadeo), do IES de Alfoz (O Valadouro), do IES Vilar Ponte (Viveiro), do IES San Rosendo (Mondoñedo) e do IES Marqués de Sargadelos (San Cibrao). Tamén dos CEIP de Cervo, Fondo Nois, O Cantel e Martínez Otero (Foz) e Santa Rita de Galdo (Viveiro), Pedro Caselles Rollán (Xove), da EEI San Roque (Viveiro) e do Centro Ocupacional Aspanane de Viveiro. As visitas teñen lugar en horario de mañá, en quendas sucesivas, dunha hora de duración, entre as 10.30 e as 13.30 horas.
Ademais de propiciar o achegamento á obra de Quique Guerra coa planificación destas visitas á exposición, no marco da Semana das Artes Plásticas da Mariña, Tá en Artes propón aos centros escolares involucrar ao alumado en exercicios creativos a partir da temática e das técnicas presentes nas obras de Quique Guerra. O obxectivo é reunilos nunha exposición, que se poderá ver tamén no Cenima de Foz a comezos do mes de xuño.