IniciosociedadeRosana Posada, veciña e estudosa de Rinlo: "O soño que me gustaría...

Rosana Posada, veciña e estudosa de Rinlo: “O soño que me gustaría ver cumprido é que Rinlo nunca perdera a identidade propia”

Rosana Posada Expósito naceu na vila de Rinlo en Ribadeo. Graduada en Relacións Laborais e Recursos Humanos pola Universidade da Coruña. Aínda que reside en Burela, Rosana vive moi de perto a evolución da vila onde naceu. Coñecedora da historia e intrahistoria deste porto cantábrico, Rosana Posada participou no encontro "De Rinlo a Viavélez pasando por Ortigueira", un percorrido por portos do Cantábrico galego e asturiano e onde ela rememorou a herdanza do párroco Alfonso Pampín, dinamizador social da parroquia ribadense. Tamén deu lectura a unha composición recordando aos benefactores da vila emigrados en Cuba.

Publicada o

- Advertisement -
-En primeiro lugar, cal é o selo distintivo das xentes de Rinlo con respecto ás vilas e aldeas que o arrodean? Sentes que hai unha unión de comunidade entre as persoas que formades o universo de Rinlo?

Eu diría que a xente de Rinlo, se por algo nos distinguimos é polo sentimento de pertenza á nosa comunidade. Desde sempre Rinlo viviu de cara ao mar e é este un sector que se caracteriza pola unión entre os homes que faenan rodeados de auga todos xuntos sen ter nada onde afirmar un pé máis que a embarcación e a man do compañeiro. Esta sensación traládase a terra firme e, como consecuencia, toda a poboación sente que se debe aos seus veciños.

-Cales son os condicionantes xeográficos, etnográficos e de relación co territorio que caracterizan ás persoas que viven na vila de Rinlo?
Para min isto segue tendo que ver co anterior: o mar. En 1925 constitúese a Sociedade Pósito de Pescadores de Rinlo, presidida por Leonardo Posada Lavandeira, e é considerada a segunda máis antiga do estado español. É un fito importante a destacar polo significado que ten de apoio mutuo no traballo, defensa de intereses comúns e de mellora da comunidade en xeral. Desde moi antigo sempre houbo ese sentimento de pertenza e apego á terra na xente de Rinlo. Mesmo as persoas emigradas de primeiros do século XX preocupáronse sempre de manter ese vínculo alén do mar e invertir diñeiro de seu para mellorar o pobo e a calidade de vida dos seus moradores: fontes e lavadoiros públicos, igrexa e cemiterio parroquiais, escola e dotación para mestres e material escolar.

-Existen estudos sobre as orixes da vila e se algunha vez foi unha entidade independente, concello de seu?
Según a historia oral que fomos herdando dos nosos antergos, Rinlo ten máis de 500 anos de historia e a súa orixe estaría como porto baleeiro no que se asentaron mariñeiros vascos. O primeiro documento no que consta como tal é do 1228, nel o Abade Romeo de Lorenzana chega a unha composición co Concello de Ribadeo sobre o porto de Rinlo, obtendo “el provecho de tres cuartos de una mitad”. A creación de Rinlo como parroquia data do 21 de xaneiro de 1896, pertencente ao Concello de Ribadeo. Xunto coa vila é a única parroquia do Concello que ten a consideración de núcleo urbán.

En 1925 constitúese a Sociedade Pósito de Pescadores de Rinlo, presidida por Leonardo Posada Lavandeira, e é considerada a segunda máis antiga do estado español

-Hai unha figura que axudou a reforzar a unidade entre a veciñanza, Alfonso Pampín, cura párroco que animou socialmente a vila. Cales foron os aportes de Pampín para crear unha atmosfera propia entre a cidadanía de Rinlo?
Para nós é Don Alfonso. Chegou no ano 1954 cando contaba con 26 anos e xa vivira a emigración en Arxentina. Era un home sinxelo, gran amante da cultura, a música e o teatro. Un galeguista de pro onde os houbera e unha persoa confraternizadora e moi comprometida coa sociedade e os seus problemas. Era, ante todo, un humanista e cunha gran formación. No ano 1955, ao pouco de chegar, propuxo crear un coro con mozos e mozas para cantar nas misas e ensaiaban na sacristía, denominábase “Airiños de Ribeira” Ao abeiro deste grupiño e xunto coa mestra da escola (Dona María) empezou a ensaiar obras de teatro que representaban no Salón de Atilano para todo o pobo no que eles chamaban “veladas” (termo que se importou da xente emigrada en Uruguai e Arxentina para denominar estas representacións) Según se ían casando ían renovando o “elenco” pois na sociedade daquela non estaba ben visto que unha muller casada andara naqueles mesteres. Xa a finais dos 70, a xuventude – parte dela estudaba na USC – aprendeu a tocar a guitarra. Cantábamos todas as cancións en galego e as que orixinariamente non o eran traducíamolas, el sempre nos animou a facelo porque dicía que eran máis achegadas e máis doces así, na nosa fala. Desde que non foi obrigatorio facer a liturxia en latín el directamente comezou a facela en galego, éramos a única parroquía da contorna na que o facía así, de feito, el levaba outra parroquía na que non pasaba esta circunstancia. Oracións universais coma o “NosoPai” (Padrenuestro), é difícil que unha persoa da miña xeración e posteriores non o diga en galego, non o aprendemos doutro xeito! O “Queixumes dos pinos” cantábamolo sempre nas festas e liturxias especiais e para nós era normal,ninguén se sentía ofendido de algo que estaba con nós. Soubo meternos no peto ao xoves, sempre daba a cara por nós e apoiábanos en todo; nós, por suposto, devolvíamoslle esa confianza con todo o que podíamos e máis porque del nunca obtívemos un “non” por resposta. Unha rúa de Rinlo leva o seu nome, a que sae do parque e pasa pola casa na que viviu. É unha homenaxe a quen tanto fixo e se involucrou co pobo en todos os sentidos ademáis doutra que lle fixemos no seu funeral na igrexa e se destapou unha placa na súa lembranza alí mesmo. Está soterrado no cemiterio do seu Melide natal.

Xunto con Ribadeo é a única parroquia do Concello que ten a consideración de núcleo urbán

-Como se sente a pegada hoxe en día a herdanza do traballo de Alfonso Pampín? A partir daquela experiencia naceron outras novas xa cando el deixara a vila?
A pegada de Alfonso segue viva. Séguense a facer as veladas na Escola Vella con nenos e nenas, maiormente no verán pois a poboación nova foi en descenso e nas datas estivais aumenta ao vir a xente nativa que está fóra. Continúase representando o Belén vivinte na igrexa o día de Reis que foi unha iniciativa súa tamén e procúrase manter vivo o ocio para nenos e nenas fomentando a participación e a convivencia. Posteriormente, e cos compoñentes do coro ao inicio, creóuse a charanga “Os Rapaces” no ano 1991 coa que desfrutabamos do antroido e animábamos as rúas do pobo ademáis de participar en desfiles en Ribadeo e outros concellos da Mariña. Por temas de traballo e de conciliación familiar chegou ao remate no 1999.

-O 24 de abril houbo unha excursión que percorreu portos do Cantábrico galego e asturiano. Nun momento da confraternización participaches vía telemática nela onde liches un texto. Cal era a intención ou mensaxe dese texto cara os e as participantes no acto?
Fixen unha exposición de Rinlo onde tratei de destacar o seu patrimonio cultural e económico ademais das persoas. Bernardo Penabade convidoume a facer e ler ao final da xuntanza un poema que elaborei centrándome nos emigrantes na Habana como benefactores de Rinlo e as súas xentes, destacando a tristura que supuxo a diáspora naqueles tempos e os motivos que a provocaron. Unha pequena homenaxe a aqueles homes e mulleres que tanto perderon e deron ao seu pobo e que nunca esqueceron aínda alén do mar: Xesús Rodríguez Murias e Inocencio Aguiar López.

Don Alfonso Pampín era, ante todo, un humanista e cunha gran formación

-En que proxectos estás involucrada para manter un Rinlo vivo como o que vemos hoxe?
Hoxe por hoxe non estou metida en ningún proxecto mais sempre estou disposta para colaborar en calquera actividade que se me solicite. Gústame dar a coñecer a historia de Rinlo e o seu patrimonio. En Decembro de 2020 tivo lugar na igrexa de Rinlo unha exposición de placas funerarias en galego do cemiterio de Rinlo apoiada polo Modelo Burela para dar a coñecer e sensibilizar á poboación do emprego da nosa lingua nalgo tan obvio coma o recordo dun finado, que mellor maneira que facelo no idioma no que se expresaba e desenvolvía a súa vida cotiá?

-Que esperas do futuro para Rinlo? Cales son os desexos que máis che gustaría ver cumpridos?
Rinlo está a medrar no eido turístico. É moi coñecido pola súa gastronomía e pola súa beleza singular. Penso que a nosa identidade ha ir indo deturpándose por “contaminación” e desapego da xente foránea que ten un descoñecemento total e absoluto da nosa idiosincrasia. Están a perderse costumes e tradicións que deberían manterse por respecto e memoria dos nosos devanceiros. Sinto pena e nostalxia; aquí si que acaería ben aquelo de “calquera tempo pasado foi mellor”. O que dependa de min ou a miña axuda hei tentar cumprilo, todo que sexa bó para Rinlo e os rinlegos e rinlegas de agora e os que veñan. O soño que me gustaría ver cumprido é que Rinlo nunca perdera a identidade propia que os nosos devanceiros nos foron deixando en herdanza xeración tras xeración, manter a unión e protexer o noso patrimonio material e inmaterial para xeracións vindeiras.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...