InicioCulturaMaricarmen López: "O xeito de bailar da Mariña é diferente ao do...

Maricarmen López: “O xeito de bailar da Mariña é diferente ao do interior cun punto de máis alegría”

O grupo folclórico Bágoas da Terra é un referente histórico dentro da comarca da Mariña con máis de sesenta anos de historia. Nacido dentro da denominada Sección Femenina, acabou por representar a Galicia en varios festivais internacionais e estatais. Por outra banda, colaborou e axudou á formación de novos grupos folclóricos no resto da comarca. Doutra parte, foi o xermolo da Mostra Folclórica Internacional de Viveiro que cada ano trae grupos de diferentes partes do mundo. Para tratarmos isto, falamos con Maricarmen López, integrante de Bágoas da Terra desde o seu nacemento.

Publicada o

- Advertisement -

-Bágoas da Terra foi fundada en 1959. Como puideron manterse en activo todo este tempo?

Nós comezamos dentro do que se chamaba Sección Femenina, o mesmo que moitos outros grupos folclóricos. Fíxenme cargo do grupo con dezaseis anos e cando a Sección Femenina se extinguiu, puxémoslle o nome de “Bágoas da Terra”. Creo que un dos maiores estímulos para nós foi o podermos viaxar e coñecer moito mundo grazas precisamente ao folclore. Non só viaxamos por España senón que puidemos coñecer lugares de África e Europa sobre todo. Tamén outro punto moi importante para “Bágoas da Terra” foi termos canteira creando escola con nenos e nenas desde moi pequenos. Iso para min foi un acerto pois de aí sae a futura canteira que alimenta a nosa asociación. Logo, á parte do baile e a música, tamén nos dedicamos ás artes tradicionais como crear a nosa indumentaria, facer exposicións e mesmo temos editado algún libro. Ademais, hai corenta e catro anos comezamos a Mostra Folclórica Internacional, de maneira que se dese a coñecer na Mariña e en Viveiro en particular, a música e danza tradicionais de todo o mundo.

-Dentro de todas as viaxes que fixeron, houbo algún onde se sentiran especialmente cómodos?

Unha das primeiras viaxes que fixemos foi a Alxeria. Fomos recibidos na Embaixada onde nos sentimos moi ben acollidos, quizais por ser unha primeira experiencia. A viaxe pola Bretaña tamén nos identificou bastante por algo de similitude con Galicia. Lembro unha viaxe a Grecia onde tivemos que pasar os días da Romaría do Naseiro alí, por iso a celebramos á nosa maneira durante aquela estadía. Cada viaxe tiña unha pegada especial mais temos grandes recordos deles. Tamén cando fixemos os primeiros intercambios infantís, por exemplo a Polonia ou Chequia, foron grandes leccións de vida para os nenos. É dicir, a vida era moi diferente naqueles países do que é agora. Os nenos e nenas viron do que alí carecían e a eles lles sobraba. Foron moi xenerosos nas casas onde eran acollidos onde lles daban case o que non tiñan para eles. Isto foi de grande lección para os nosos nenos.

un punto moi importante para “Bágoas da Terra” foi termos canteira creando escola con nenos e nenas desde moi pequenos

-Os apoios que recibe “Bágoas da Terra” son institucionais ou por aportación das persoas socias?

Por exemplo, para a Mostra Folclórica Internacional faise grazas aos apoios, por unha parte, do Concello de Viveiro, do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia. Se non fose por estes apoios era imposible. A nosa mostra está integrada en CIOFF, a Confederación Internacional de Organización de Festivais de Folclore. En España só hai dezanove e deles tres están en Galicia, A Coruña, Ourense e Viveiro. O máis antigo é o de Viveiro que avalou os outros dous. Todo isto subsiste grazas ao apoio das institucións, pois a cota que poidamos recoller dos socios e socias non sería suficiente para participar en todas estas actividades. Todo isto nos impulsa para seguir adiante.

-E dentro da Mariña e o resto de Galicia, en que eventos teñen participado?

Pois na Rapa das Bestas celebrada no Monte do Buio, tamén en romarías ás que aínda asistimos hoxe en día como é a de San Roque. É dicir, alí onde nos chamas aí estamos, como hai pouco, participando no Día das Letras Galegas. Realmente, sempre tratamos de atender as solicitudes que nos fan.

Lembro unha viaxe a Grecia onde tivemos que pasar os días da Romaría do Naseiro alí, por iso a celebramos á nosa maneira durante aquela estadía

-Cre que a asociación serviu como modelo ou base para a creación de novas asociacións e grupos folclóricos?

Non podemos pensar en nós como aqueles que o fixeron todo, mais si colaboramos cando se estaban formando outras agrupacións. Recordo agora cando comezou o grupo “Saíñas” de Xove, enviabámoslles unha monitora nosa para dar aulas de danzas. Hoxe é un grupo magnífico que mesmo teño recomendado polo seu bo facer o mesmo que con outros da comarca. Non podemos dicir que fomos a semente, mais nalgún caso si. Estamos moi orgullosos de ter expandido o folclore. Houbo momentos, como os anos 70, cando había concursos nacionais iamos nós porque aquí non había ningún grupo máis aínda. Hoxe podemos dicir que hai grupos moi bos en toda a comarca. Isto é un orgullo porque hai cabida para todos. Unha característica nosa é poder realizar danzas distintivas. Temos recollido danzas do Cebreiro, por exemplo, porque cando saiamos fóra iamos representando a provincia ou a toda a comunidade. Con todo, si mantemos o xeito de bailar de Viveiro que ten un punteo diferente. Ás veces, en lugares pequenos, veñen aprender danza doutros lugares de Galicia e transmiten o saber delas. Nós mantemos a peculiaridade da nosa danza.

-Cales son esas peculiaridades da danza de Viveiro?

Ten un punteo alegre, vivo, porque na maneira de bailar e danzar na Mariña é moi diferente do interior. No Cebreiro recolleramos unha danza preciosa que era a Muiñeira Pandeirada da Coroza, esa capa de palla que se usa no interior, pois é unha danza máis recollida e aquí é máis alegre, máis viva, da xente do mar e coa idiosincrasia da xente do mar. Por outra parte, nós somos o único grupo que ten gardado en arquivo a Danza do Xacobeo. Aprendéunola Juanjo Linares, un coreógrafo da parte de Ordes, quen a recollera. Era a danza dos peregrinos cando chegaban a Santiago. Nós recollímola en arquivo e só a interpretamos no Festival de Viveiro cando coincide en Ano Xacobeo e que realizaremos este ano.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...