-Cales foron as raíces da EMMeD?
Esta escola fundouse en 1993 e foi a primeira en toda Galicia que se adaptaba ao modelo LOGSE e tamén se tomou como modelo para os centros educativos deste tipo para toda a comunidade. Naceu case por necesidade, pois quen levaba a alcaldía naquel momento, Eduardo Gutiérrez, tiña a idea de crear unha banda municipal que nacera no ano anterior, en 1992. Por tanto, a necesidade de dar unha formación musical regrada impulsou a creación desta escola e, xa desde o comezo foi un referente neste tipo de centros.
-Cal é o número de profesionais que imparten aulas e o de alumnado actualmente?
Desde os comezos xa tentamos ir especializando a formación. Neste tipo de centros era habitual que unha persoa impartise aulas de diversas materias. Aquí buscamos o contrario, que quen imparta esa materia sexa especialista nela. Actualmente somos un cadro de 13 profesores e profesoras, que para unha escola de música non está nada mal. Sobre o número de alumnos levamos uns anos de incremento mais estes anos de COVID foron estranos para todo o mundo. Mañá precisamente comeza o prazo de matriculación para novo alumnado. A miña previsión é que volvamos estar en cifras similares ás anteriores á pandemia así que poderemos estar sobre os 360 alumnos.
-Entre ese alumnado haberá moito que proceda dos concellos veciños e outros lugares máis lonxe.
Si, é certo, porque temos alumnado de Foz, Barreiros e se tiramos para Asturias temos xente desde Luarca, por tanto, si, hai unha grande aportación dos arredores.
a necesidade de dar unha formación musical regrada impulsou a creación desta escola e, xa desde o comezo foi un referente neste tipo de centros
-O centro comparte o lema da EMU (European Music School Union): “Música para todas e todos, todas as músicas”. Cal é o significado deste lema e que é a EMU?
O lema refírese á idea detrás deste tipo de centros que é a integración social nos lugares onde están mediante a música. As escolas de música buscaban ser flexibles na súa formación e de aí que veña alumnado desde os catro anos até os 82 que tivemos este ano. Sobre “todas as músicas”, nos inicios deste centro impartíanse formación en relación á Banda Municipal de Música e tamén piano, que era moi demandado. Co paso do tempo foise ampliando a oferta educativa até incluír danza ou música tradicional, que levamos menos anos con eles. Para min ese é o significado desa frase en toda a súa amplitude recollendo todos os estilos posibles.
-Fomentades o achegamento a músicas como a clásica, como jazz, danza tradicional e rock. Cando comezastes cos programas de danza, a xente pensaba en que impartiades só danza tradicional?
Nós aquí non impartimos danza tradicional, só impartimos danza clásica e contemporánea. En Ribadeo xa hai unha asociación que imparte este tipo de formación. Houbo algunha persoa que preguntou se impartiamos ese tipo de danza mais a maioría sabían o tipo de formación que impartiamos nesta escola.
-Cales son os instrumentos máis demandados entre o alumnado que se matricula?
Piano, percusión e guitarra, que penso son as materias por excelencia dentro deste tipo de escolas. Á parte de seren os máis coñecidos, son tamén os que máis tirón teñen. Tamén están gaita e clarinete cun número considerable de alumnos.
As escolas de música buscaban ser flexibles na súa formación e de aí que veña alumnado desde os catro anos até os 82 que tivemos este ano
-Explicanos que é o programa “Musiqueando polas Parroquias”?
Xuridiu hai anos en conversas nos claustros de profesorado e coa que foi até hai uns días a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez, de achegar eses festivais realizados na Escola ou o auditorio ás persoas que viven nas parroquias e non teñen tempo e non coñecen o que realmente se fai na escola. De aí decidimos ir a onde puideramos durante o curso, a unha, dúas ou tres parroquias durante o curso para achegar ao público o traballo feito, ademais da oportunidade para o alumnado de mostrar o que levan aprendido durante o curso.
-Cando o alumnado de danza finaliza os seus estudos, teñen en mente dedicarse a esta profesión?
Tanto en música como en danza, un dos obxectivos destas escolas é preparar o alumnado de cara as probas para acceder a un desenvolvemento máis profesional. Non obstante, é moi pouco o alumnado que se anima a facer esas probas de acceso. Sobre música pode haber unha ou dúas persoas que teñen ese interese e en danza aínda menos. Non é un obxectivo que vexamos en nenos e nenas, quizais vexan isto como unha formación máis lúdica.