Ribadeo recuperou o seu tradicional festival de bandas de música, que non se celebrara estes dous anos anteriores debido á pandemia. Organizado pola asociación Amadores da Música, tivo lugar este sábado, día 20, coas actuacións da Banda Municipal de Música de Meira e a ribadense, que ofreceron un pasarrúas desde o Teatro ata o Campo de San Francisco e a continuación un concerto no auditorio municipal Hernán Naval.
A Banda de Meira, dirixida por Francisco Javier García Canto, interpretou España Cañí, de Pascual Marquina; Virxe da Macarena, con arranxos de Sierra-Represenas e Claudia Rico como solista; Abba Gold, con arranxos de Ron Sebregts; e Nino Bravo in Concert, arranxada por Manuel Calero García. A Banda de Ribadeo, dirixida por David Ballester Martínez, tocou O Pequeno Nicolás, de José Luis Tielas Santiago; Kleine Ungarische Rhapsodie, de Alfred Bösendorfer; e Concerto D´Amore, de Jacob de Haan.
Así mesmo, a presidenta de Amadores da Música, Elisa Álvarez Amor, entregoulle un agasallo á Banda de Meira, mentres que a Banda de Ribadeo lle fixo unha despedida á música Andrea Rodríguez, que pronto marchará para Estados Unidos. O festival de bandas ribadense rematou coas dúas formacións interpretando conxuntamente dúas pezas: Banda Galega, dirixida por Francisco Javier García Canto, e Mozos do Penedo, coa dirección de David Ballester Martínez.