Enrique Rodríguez Baixeras: “queremos quitarlle á xente ese medo á música clásica como algo só para as elites”

Enrique Rodríguez Baixeras é o presidente da Fundación Bal y Gay que está detrás do festival de música clásica que leva o mesmo nome. Falamos con Rodríquez Baixeras sobre as orixes do Festival mais tamén da figura de Xesús Bal y Gay, unha persoa cunha intensa vida cultura que desenvolveu sobre todo no exilio e que acabou no esquecemento logo de retornar a España. Recuperar esa figura e achegar a música clásica a todos os públicos, son dous dos grandes obxectivos desta Fundación.


-Quen era Xesús Bal y Gay e cal foi o peso da súa persoa na música en Galicia e no resto do Estado?

Xesús Bal y Gay foi un músico nacido en Lugo a comezos do século XX. Foi compositor de música clásica e iso deulle un gran peso nesta área, á parte tamén foi musicóloglo e tivo contactos con xente moi importante. Foi amigo de Stravinsky, de Lorca e de toda a Generación del 27 por ter estado na Residencia de Estudiantes. Bal y Gay non compuxo unha obra extensa mais ten un traballo interesante. Casou con Rosita García Ascot, compositora do Grupo de los Ocho, a quen coñeceu durante un concerto organiado na Residencia de Estudiantes. En 1932, Bal y Gay, marchou como lector de español a Gran Bretaña. Alí colleuno o golpe de estado de 1936 e el, como tiña ideas republicanas e nacionalistas, non retornou a España exiliándose en México. Neste país realizou case toda a súa obra e fixo amizade cun compositor mexicano, Carlos Chávez, e isto introduciuno nos círculos musicais mexicanos. Ao mesmo tempo seguía mantendo a amizade con Stravinsky pois a muller deste compositor, Vera, tamén era moi amiga de Rosita quen montou unha galería de arte en México. A finais da década de 1960 regresou a España onde foi ignorado por cuestións ideolóxicas, pois durante o exilio militou moito en cuestións políticas. Ademais, a súa parella, Rosita Ascot, foi a única discípula que tivo Manuel de Falla. Bal y Gay e Rosita morreron esquecidos nunha residencia para maiores en Torrelaguna, ao pé de Madrid.

-Que estilo musical traballou Bal y Gay e hai algunha composición que destacase sobre as outras?

Xa digo que non tivo moita obra mais compuxo unha sonata para clarinete e piano que se toca moito nos conservatorios. Esta peza foi eloxiada polo mesmo Stravinsky. Tamén ten obra de orquestra. Hai uns días en Viveiro interpretouse o “Divertimento para cordas” por parte da Filharmónica de Galicia no teatro Pastor Díaz. A mesma Filharmónica de Galicia tocou o “Concerto Grosso” hai un tempo na catedral de Mondoñedo. Quizais sexan estas as dúas pezas máis destacadas aínda que tamén ten moitos poemas sinfónicos como “Don Quijote”. Logo ten obra para piano e de canto porque lle puxo música a poemas de Lope de Vega. De todas maneiras, foi un home esquecido e o seu traballo comezouse a interpretar desde hai pouco tempo. Durante o franquismo e no post-franquismo, ninguén sabía quen era Bal y Gay, por iso homenaxeamos a un lucense da Generación del 27 case descoñecido, poñéndolle o seu nome á nosa Fundación e ao noso Festival.

Bal y Gay e a súa muller, Rosita, morreron esquecidos nunha residencia para maiores en Torrelaguna, ao pé de Madrid

-Primeiramente eran a Asociación Bal y Gay, logo pasaron a ser Fundación. Cales foron os primeiros froitos que recolleron como asociación?

Comezamos en 2014 e a idea nace de ser eu moi melómano e na Mariña apenas había lugares para ou actos para escoitar música clásica, para facelo tiña que ir a Coruña ou Lugo, eran moitos quilómetros, por iso había que traer a música aquí. Foi cando pensei en traer a música clásica aquí. “Como o facemos?”. Concebiuse a realización duns cursos de clarinete con profesores moi bos, desta maneira trouxemos persoas dos máster ou conservatorios superior para aquí e dar aulas. Despois estes profesores interpretan un par de concertos e logo, coa matrícula dos cursos pagabamos aos profesores. A cousa que daba a pre o finanzamento do festival que daquela eran encontros. Comezamos cos cursos de clarinete mais tamén vimos que cos concertos enchiamos o local social da parroquia de Nois. Isto levounos á miña filla, que é clarinetista, o mesmo que meu xenro, pensamos en levar isto a máis ante o éxito que tiñan os concertos. O nome de Bal y Gay veu desa sonata para clarinete e piano que mencionei e tamén para homenaxear a un home do que xa escoitara e lera traballos sobre el e que vivira esquecido moitos anos. Para o terceiro ano organizamos un concurso internacional de clarinete e ao que viñeron persoas de diversas partes, mesmo de América e Asia. En total, xuntamos setenta persoas e delas quedaran catro para a final que celebramos en Foz. Iso animounos moito para crear unha orquestra, unha “ensemble” que tocou catro veces nesa final a peza para clarinete de Mozart. A xente aguantou tres horas e iso levounos a crear concertos e seguir coas aulas de música.

-En 2020 ante a pandemia o festival “quere ofrecer a música clásica como unha vacina ante o desánimo e incerteza do momento”. Como valora a resposta da xente a esta iniciativa?

Cando chegou a pandemia tivemos moito medo pois levabamos pouco tempo co Festival. Ao final arriscamos con aforos pequenos mais coa tristeza que implicaba a pandemia e o confinamento, pensamos na música clásica como unha vía de normalizar as cousas e que a pesar de todo, había vida máis alá da obsesión pola COVID. A música debera servir para curar o espírito ante as circunstancias. Tivemos éxito cos poucos aforos, a xente tiña desexo de gozar da vida, ían mozos e mozas mais tamén xente maior que era a máis temerosa ante o contaxio. Tivemos moita precaución en canto as medidas de seguridade e non tivemos ningún problema, iso demostrou o bo funcionamento da organización.

compuxo unha sonata para clarinete e piano que se toca moito nos conservatorios. Esta peza foi eloxiada polo mesmo Stravinsky

-En 2020 a Asociación pasa a ser Fundación Bal y Gay. Por que deron este paso?

O paso a Fundación estaba motivado pola nosa crenza en que así axudariamos máis ao noso festival e á nosa filosofía en relación coa música. Como xa che dixen, ademais do Festival, comezamos dando aulas de clarinete e todo isto xunto levounos a elixir a figura de fundación por temas de fiscalidade, patrocinios e tamén temos máis liberdade sobre aquilo que facemos. Tamén grazas a ser fundación podemos facer cousas como a “Operiña” e “Sinfónicos no Rural”, por exemplo, algo que como asociación nos parecía máis difícil. Con esta fórmula podíamos manternos fieis á idea de difusión da música clásica sen separarnos dese camiño. Creamos un padroado que resulta ser como unha carta de presentación para acceder a axudas.

-A Fundación márcase a democratización da cultura e a oferta de programacións culturais de calidade “para crear unha forte rede cultural en zonas desfavorecidas”. Isto quere dicir que A Mariña necesitaba coñecer moito máis a música clásica e tecer un circuíto de lugares onde ofrecer concertos na comarca?

Fundamentalmente queriamos traer a música clásica á comarca porque había poucos lugares onde escoitala. O segundo obxectivo era quitarlle o medo á xente cando di “eu non escoito música clásica porque non a entendo”. Queriamos quitarlle á maioría das persoas ese medo sobre a música clásica como algo só para as elites. Esta música pode levarse a moitas partes, foi así como vimos na Mariña unha serie de lugares onde se podía facer ben. Mais sobre todo era quitarlle o medo á xente cando dicían “eu non vou porque non a entendo”. Non hai nada que entender, só escoitar e pode chegar un momento que che guste. Así foi como dentro da figura “Amigos da Fundación” temos moita xente da comarca que non perden un concerto e esperan dun ano para o outro o inicio do Festival. Ademais disto, a calidade é moi importante pois nós pensamos que as persoas entenden ben se é bo ou malo. Por tanto, non queriamos traer algo de baixa calidade para interpretar prezas senón que debiamos traer xente con boa formación e que interpretasen con calidade. A democratización é iso, que as persoas de zonas desfavorecidas poidan escoitar e entrar na música clásica. E isto deu resultado aquí, pois en 2021 organizaramos uns concertos en maio programados dentro do Xacobeo, e tamén enchimos con xente da comarca, pois tiñamos medo por non vir persoas de fóra. Se miramos os resultados de billeteira, vemos que entre o 50 e o 60% do público asistente é da Mariña.

O paso a Fundación estaba motivado pola nosa crenza en que así axudariamos máis ao noso festival e á nosa filosofía en relación coa música

-Como se pode crear unha sociedade máis crítica e sensible e que dinamice a súa economía grazas a iniciativas como a Fundación Bal y Gay, tal como reza un dos seus obxectivos?

Iso conséguese pouco a pouco. Este ano calculamos que tivemos uns 3.500 espectadores en total. Ese feito, atraer ese número de persoas con música clásica chama a atención. Hai anos para min iso era unha cousa imposible. Economicamente a música clásica non vai ser como o Resurrection Fest de Viveiro, mais quero dicir que si dinamizamos economicamente a Mariña. Nós traemos un turismo de calidade pois hai xente que vai de festival en festival e dentro do que é o noso nivel, estamos considerados como un dos mellores fesivais de España. Pois até aquí chegan persoas que pasan o verán de festival en festival e iso, pouco a pouco, vai dinamizando a comarca economicamente grazas á cultura. Iso para nós é a maneira de que a música clásica non se vexa como cousa de vellos, queremos demostrar que esa música está en nós. Por iso o noso interese en crear dinamismo cultural nesta comarca.

-Todo isto que me explicou na última resposta é o que insipira “Sinfónicos no Rural” e “Operiña nas Escolas” e cal foi a resposta a estas iniciativas?

Sinfónico no Rural” consiste en montar unha orquestra de corda onde non haxa escolas de música na comarca. Así o ano pasado organizamos estas orquestras na Pontenova e en Barreiros e para iso xuntamos entre dez e doce rapaces en cada concello. A Fundación dalles os instrumentos gratuitamente, o mesmo ocorre cos profesores e ademais poñemos o autobús para poderen desprazarse e así ensaian xuntos os da Pontenova e Barreiros para organizar o concerto de fin de curso despois de aprender con mestres que pon a Fundación. Xa houbo anos que pechamos moi cedo ante a oferta de alumnado e este ano creo que imos polo mesmo camiño. Nós non buscamos músicos, senón que os rapaces do rural se integren na sociedade mediante a música clásica. Non buscamos un grande músico, se aparece un é marabilloso. Queremos que aos nenos e nenas os una a música clásica e que está en todas parte. Coa “Operiña nas Escolas” collemos “As vodas de Fígaro” e os nenos e nenas fan un libreto, ensaian os coros e ao final de curso poñemos a orquestra, poñemos uns cantantes profesionais e toda unha infraestrutura. Así os menores ven como se monta unha ópera. O ano pasado ver nenos e nenas cantando a Mozart para min foi moi emocionante e os nenos e nenas seguro que non o esquecen. Tamén facemos audicións en Foz ás que vai xente e iso é o que crea afección.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here