A Delegación de Cultura do Concello de Burela anuncia o espectáculo “Don Gaiferos” da recoñecida compañía compostelana Monicreques de Kukas, que se representará este sábado 29 de outubro na Casa da Cultura.
Esta obra apta para todos os públicos, familiar, infantil e adulto, narra con títeres de fíos e música en directo a viaxe do peregrino francés Don Gaiferos de Mormaltan, baseándose no romance popularizado por Faustino Santalices e incorporando cancións de tradición galega.
O edil de Cultura, Jose Díaz, animou a acudir este sábado “a descubrir o show de monicreques máis espectacular que pasou por Burela”, afirmando que os asistentes “non se arrepentirán de desfrutar desta representación teatral de gran calidade”.