O IV Premio de Novela Vilar Ponte do Concello de Viveiro recae na autora Irene Rega

O Premio de Novela Vilar Ponte, que cumpre este ano a súa cuarta edición, naceu coa finalidade de lembrar aos escritores Antón e Ramón Vilar Ponte e, asemade, apoiar e difundir a literatura en lingua galega.

Viveiro. CONCELLO DE VIVEIRO

O Concello de Viveiro anuncia que Irene Rega Jul, coa súa obra Tecendo Redes, é a gañadora do IV Premio de Novela Vilar Ponte. O xurado vén de anunciar o resultado do certame, así como a segunda praza de Francisco Antonio Vidal Blanco, coa súa obra As cartas do desarraigo.

O Premio de Novela Vilar Ponte, que cumpre este ano a súa cuarta edición, naceu coa finalidade de lembrar aos escritores Antón e Ramón Vilar Ponte e, asemade, apoiar e difundir a literatura en lingua galega.

“Parabéns aos dous escritores premiados neste certame, que gaña recoñecemento e consolidación cada ano. Un certame que impulsa sen dúbidas a creación literaria na nosa lingua”, afirma a alcaldesa, María Loureiro

O xurado desta edición estaba composto por Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, profesor e historiador; Eva Mejuto Rial, escritora e xestora cultural; e María Lado Lariño, escritora.

Deste modo, na elección das obras finalistas valoráronse diferentes aspectos, como a calidade literaria, a boa narrativa, a temática, a actualidade e frescura na obra, a cohesión das partes da obra e a boa construción da trama.

A gañadora desta edición é Irene Rega Jul, coa obra Tecendo Redes. Segundo o xurado, a súa obra “contribúe ao corpus da novela negra galega aportando unha mirada renovadora ás temáticas clásicas do xénero”.

Para os expertos, na obra premiada “destacan o ritmo narrativo, a construción dos personaxes e una trama que mantén a intriga ata o final”. Por outra banda o xurado sinala “a escolla de escenarios pouco habituais no xénero; así como o feito de tratar temas e problemáticas da sociedade actual, como o acoso ás mulleres e o maltrato cun enfoque comprometido.”

O segundo premio correspóndelle a Francisco Antonio Vidal Blanco, coa súa obra As cartas do desarraigo. O xurado sinala que escolleu a obra “polo tratamento que fai das relacións familiares, a investigación sobre o pasado, a riqueza na creación dos personaxes, tanto os individuais como a vila que conforma un ecosistema singular”.

O premio entregarase o vindeiro venres 2 de decembro no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, ás 20:30. O escritor Suso de Toro será o mantedor do acto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here