InicioCulturaCatuxa Salom, artista: "Non vin para aquí por ningunha razón, só vin...

Catuxa Salom, artista: “Non vin para aquí por ningunha razón, só vin unha casa e dixen: alá imos”

Catuxa Salom é unha intérprete musical e unha exploradora dos ritmos, tanto dos tradicionais do seu país (Arxentina) como doutros que encontra polo camiño. Un día decidiu deixar a grande cidade, Madrid, e como unha aventura aterrou na Mariña luguesa onde non tiña pensado facer música até que a música a atrapou de novo. Aí comezou outra aventura cos ritmos que agora explora.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal foi o motivo que fixo quedares a vivir na Pontenova?

Realmente non ía vir aquí por ningunha razón. A través dunha web vin esta casa e non tiña idea de onde podía estar. Falei cuns colegas, dixen “imos para alá” e alugamos a casa sen vela. Así comezou todo, porque cando chegamos o sitio asombrounos.

-Canto tempo levades vivindo aí?

Dous anos.

-Como comezou todo a túa andaina na música e sobre todo como influíu o cambio de residencia na túa música?

Levo desde os catorce anos nos escenarios en diferentes cousas como música e teatro. Cando vivía en Madrid tocaba nunha banda de country, concretamente “country ibérico” lle chamabamos nós. Eramos catro rapazas que tocabamos na rúa, no Rastro de Madrid, e iso, faciamos country. Eu mamei moito blues, moito folclore arxentino polos meus pais que son de alá. Cando cheguei aquí tiña dentro o run-run dos ritmos tribais pola miña avoa, que é indíxena de alí, de Arxentina, por iso escoitei moito eses ritmos. Ao final, cando vin para aquí pensei que me retiraba da música e fuxindo da gran cidade. Entón cando cheguei xurdiu de maneira natural, non o pensei. Como non tiña ningún propósito profesional, non quería que fose a ningures, pois saíu algo moi auténtico, moi puro porque penso que non había ningún tipo de filtros, fixen as cancións para min e de aí xurdiu todo.

-É difícil conxugar nun só tema dúas linguas e ritmos tan diferentes como os folclóricos de diferentes lugares?

Non, non é difícil, é moi natural. Eu son castelán falante de lingua materna, moitas veces sáeme de maneira natural, mesmo con acentos arxentinos. Non teño moitos filtros no momento de compoñer música. Tamén falo varios idiomas, se me sae en francés, francés, se en portugués, portugués. Mais estando nun entorno tan galego como é a provincia de Lugo, pois ten que ser en galego, non había outra maneira.

-Dis que desde nena coñeces ben o folcklore arxentino, mais aí onde vives fixeches algunha exploración ou comezaches a coñecer cancións do lugar?

O folkclore arxentino e moi tribal. Se vas aos clásicos do folk arxentino vas encontrar un mundo de sons moi chulos e ancestrais. Non busquei dentro da Pontenova, non estou nese proceso de recoller cancións, estou en proceso creativo. Sei de bandas como Abril que fan traballos moi chulos recuperando cancións das avoas, van facendo estudos moi fermosos. No meu caso estou mirando máis cara adiante.

-Dentro dos ritmos que coñeces, cales son aqueles que poden influír máis na composición das túas pezas?

Escoito moito tecno, que tamén é moi tribal, ademais escoito hardcore e technohardcore, tamén escoito moita música de rave e tamén folclore galego e arxentino. Supoño que aí, na miña cabeza, vanse mesturando os diferentes sons e ritmos. Gusto dos ritmos rápidos mais cando é algo emocional vou ralentizando.

Se vas aos clásicos do folk arxentino vas encontrar un mundo de sons moi chulos e ancestrais

-Actualmente tes banda que te acompañe ou es ti a multiinstrumentista?

Teño dous formatos. Un é con looper onde vou preproducindo todas as cancións en directo e outro é con banda, unha contrabaixista e unha percusionista máis un set electrónico.

-Fixestes xa algún percorrido dentro desta nova etapa?

Si, levamos desde xullo facendo un percorrido moi bo con banda e vai moi ben. Temos actuado na Estrada, no Agroqueer na Ulloa, na Capitol teloneando a Chico César, actuamos no festival EoAlimenta e en decembro temos tres concertos con banda, un será en Pontedeume, outro en Santiago nas Crechas e outro en Cambados na sala Crazy.

-Estás satisfeita co resultado que estás tendo nestes momentos?

Si, estou moi contenta, isto dame moita forza para seguir compoñendo e investigando.

-Cantos traballos en formato disco tes?

Este xoves pasado, día 24, saíu o meu primeiro EP. Pódese escoitar en Spotify, Sound Cloud ou en Youtube entre outros.

-Hoxe en día non resulta moi difícil mostrar o teu traballo grazas á rede.

É unha ferramenta moi potente, tamén moi perigosa, mais é potente porque calquera persoa en calquera parte do mundo, desde unha aldea minúscula no medio de Lugo pode esparexer o seu traballo, eu vou a carón das redes sociais pois para min son magníficas.

-O teu EP dará paso a un futuro disco?

Este é o meu primeiro EP e logo xa non sei. Supoño que agora entro nun proceso creativo de compoñer e, en fin, pois non sei en que acabará.

Gusto dos ritmos rápidos mais cando é algo emocional vou ralentizando

-Pode xurdir calquera novidade desde o teu estudo.

Si, claro, estou aberta e teño pendente facer algunhas colaboracións. Entón, como saiu este EP quero gozar do momento de tanto traballo e espallalo o máximo posible.

-Con que artistas colaboras actualmente?

Pewey de la Rosa, unha rapeira que fai rap rural, somos amigas entón estamos pendentes de facer algo xuntas.

-Á parte da música pensas en facer algún proxecto fóra dela?

Non, actualmente quítame todo o tempo e por iso me dedico á música.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...