InicioCulturaUgía Pedreira de Sabela: "canta nun idioma no que lle ferve o...

Ugía Pedreira de Sabela: “canta nun idioma no que lle ferve o sangue”

A parroquia ourolesa de Bravos volverase xuntar para apoiar á cantante pontesa, que interpretará "Tris Tras" de Marful na final de Operación Triunfo

Publicada o

- Advertisement -

Bravos prepárase para dar o último alento a Sabela Ramil.  Veciñanza, familia e amizades da artista reuniranse no centro social para seguir a súa actuación na final de Operación Triunfo este mércores.

A vocalista pontesa, con orixes na parroquia ourolesa,  elixiu o tema “Tris Tras” do grupo Marful para convencer á audiencia e ao xurado. “Se o que queren é ver autenticidade, en Sabela verana”,  asegura súa nai Mary Rivera, horas antes de viaxar ata Barcelona para seguir a actuación da súa filla o máis cerca posible de escenario.

COMPROMISO

A cantante tivo desde o inicio o apoio incondicional do concello e da comarca onde era xa coñecida polo seu activo papel na asociación cultural Aturuxeiros de Bravos, que organiza o festival folk Aturuxo.

“Sempre foi unha persoa que traballou pola lingua e pola cultura”, resume Mary.  O activismo viaxou con ela cando hai algo máis de tres meses comezou o concurso e o seu compromiso non pasou desapercibido.

O seu repertorio e as súas conversas ante as cámaras converteron o seu paso polo programa nun asunto que sobrepasa o ámbito do entretemento, e que adquiriu connotacións mesmo políticas.

“Está abrindo mentalidades, consegue que xente que nunca o fixo se achegue ao galego. Esta mañá contábanme que nunha escola en Zaragoza estaban escoitando Marful. Grazas a Sabela. Pon de manifesto, a ollos de todos, o plurilinguismo do Estado. Acércanos a Portugal e a Brasil.  Demostra, en fin, que a arte é moi poderosa”, resume Ugía Pedreira, vocalista de Marful e compositora de “Tris Tras”.

“TRIS TRAS”

A elección de Sabela sorprendeuna o xoves pasado. “Non vira o concurso, nin sabía dela”, di, “pero logo vin as súas actuacións”. “Quen é a valente que se atreve con isto?”, pensou.

“Non deixa de ser extraordinario que bote man do repertorio autoral galego nun contexto coma ese, e que llo permitan”, explica. “Nótase que canta nun idioma no que lle ferve o sangue”, continúa a cantante de Vilaronte.

“Tris Tras” é unha canción que a autora lle debe á Serra da Gañidoira, ao Viveiró onde atopou a inspiración para compoñela. A peza mistura elementos de autora con outros populares, “dúas coplas do Cancioneiro de Marcial de Valladares, unha xoia pouco coñecida”, apunta Pedreira.

“A canción é un canto de amor apaixoado que remata cun recordatorio: hai mulleres que van pola senda da obediencia e outras que non, que berran e que mostran as súas ideas”, di a cantante. Sabela é das últimas.

ECO EN PORTUGAL

A letra orixinal está escrita na ortografía reintegracionista, algo que non pasou desapercibido para a prensa portuguesa. O escritor, tradutor e colaborador Marco Neves publicou a no dixital Sapo un artigo de opinión titulado “A nosa língua na televisão espanhola?” no que valoraba a ousadía da vocalista de orixe ourolesa que, escribiu, “anda a usar a língua das Cantigas de Amigo para ganhar um concurso espanhol”.

TERCEIRA CANCIÓN EN GALEGO

“Tris tras” será a terceira canción en galego que Sabela interprete no concurso televisivo. A vocalista elixiu “Benditas Feridas”, de Rosa Cedrón, para a segunda gala na que se xogaba a expulsión tras ser nominada.

O pase á final deste mércores alcanzouno cunha versión entre o tango e o fado de ‘Negro caravel‘, composta por Rosa Cedrón e Cristina Pato a partir dun poema de Rosalía de Castro e incluída álbum “Soas” que a cantante e a gaiteira publicaron en 2010.

SEGUIDORA DE ROSA CEDRÓN

“Sabela é unha seguidora fiel e acérrima de Rosa Cedrón”, comenta Mary Rivera. “O disco Soas pediuno por Papá Noel cando tiña catorce ou quince anos. Escoitábao a todas as horas. Medrou con este tipo de música de cantautor galego”, explica.

As dúas compartirán por primeira vez escenario na gala especial de Nadal de Operación Triunfo na que cada un dos cinco finalistas estarán acompañados polos intérpretes dunha das cancións que interpretaron ao longo do concurso. Rosa Cedrón e Sabela cantarán “Negro Caravel”.

NADAL NA CASA

Sabela pasará o Nadal na casa, un pequeno descanso antes de comezar un tour de actuacións en directo con outros concursantes do programa televisivo que arrincará no Palau Sant Jordi de Barcelona.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...