InicioOccidentalViveiroDavid Catá: "Desde moi pequeno xa me gustaba debuxar mais sendo neno...

David Catá: “Desde moi pequeno xa me gustaba debuxar mais sendo neno non pensas niso como unha actividade”

David Catá é artista contemporáneo que traballa entre Galicia e Madrid. Compaxinó os seus estudos de acordeón no conservatorio profesional de música co Grao en Belas Artes (2010) pola Universidade de Vigo. Posteriormente, continuó os seus estudos artísticos en Madrid cursando o máster “Concepto e Creación” no Centro Internacional de Fotografía e Cinema, EFTI (2011). Agora vén prensentando o seu novo disco 'Origen'.

Publicada o

- Advertisement -

-A primeira pregunta que me gustaría facerche é quen che fai todas esas pezas de “ganchillo” que aparecen nos teus vídeos e montaxes?

Confecciónaos a miña nai. Eu deille unha idea do que quería e ella foi quen plasmou todo e quen lle fixo as modificacións. Ela é costureira e desde pequena facía cousas de “ganchillo” e sempre lle gustaron as manualidades.

-O teu novo traballo ‘Origen’ ten un fío de unión entre os diferentes temas?

‘Origen’ é un proxecto instrumental misturado con vídeoarte e con todo o meu traballo plástico. Basicamente todo o que fago está relacionado coa memoria, o paso do tempo e o esquecemento, mais con ‘Origen’ quero dotar de banda sonora ao meu traballo plástico. O fío argumental nace da vida da miña bisavoa Perpetua con quen tiven unha relación moi directa durante a miña adolescencia. Ela contoume historias da familia que dalgunha maneira me obsesionaron até o punto de usar a arte como válvula de escape para plasmar sentimentos, pois por algún motivo non podía plasmalos doutro xeito. Sobre o disco propiamente dito, fala do sentimento de perda, de todo ese proceso de luto cando perdemos alguén, esa batalla emocional para despois esa sensación de liberdade cando te liberas do luto ou do.

-Ese tipo de historias dentro da música “mainstream” nárranse mediante a voz adaptada aos instrumentos ou partituras. Como se pode conseguir o mesmo só con pezas instrumentais?

Coa música contamos historias, así que en función da harmonía que uses, a melodía, a intensidade que lle deas e outros matices, transmitimos emocións concretas. Depende se traballas con harmonías maiores ou menores podes ter diferentes sentimentos.

con ‘Origen’ quero dotar de banda sonora ao meu traballo plástico

-Á parte da música tamén traballas a pintura, escultura e fotografía. Tocando tantas disciplinas considéraste un creador “renacentista”?

Realmente non me gusta ese termo. Eu uso os medios ao meu dispor para expresarme. É certo que me gusta investigar, experimentar e así cando vexo unha ferramenta que me chama a atención, investigo arredor dela. Durante esa investigación ao mellor sae un proxecto.

-Como e cando sentiches a necesidade de expresar a túa creatividade en todas as disciplinas que tocas?

Desde moi pequeno xa me gustaba debuxar mais sendo neno non pensas niso como unha actividade. É certo que desde pequeno xa tiña o desexo de estudar música. Aos cinco anos quería ingresar no conservatorio mais non se pode até os oito, así foi como meus pais me regalaron un teclado. Eu dedicábame a tocar e facía algunha melodía, mais obviamente como non tiña idea de música quedou aí. Logo, cando comecei no conservatorio con acordeón, descubrín a miña paixón pola música. Cando cheguei aos dezaoito anos e tiven diante seguir coa música ou estudar Belas Artes, elixín a última, até que comecei a compaxinar as dúas. Cando tiña vinte anos estudando fotografía en Madrid, houbo unha especie de catarse pois comecei a usar o meu corpo como unha ferramenta e través diso, souben como quería materializar o meu traballo.

Depende se traballas con harmonías maiores ou menores podes ter diferentes sentimentos

-Como xogas cos equilibrios cando traballas nunha idea e nese momento nace outra idea distinta?

Eu son unha persoa impulsiva, entón, cando estaba co proceso de ‘Origen’ podían pasar horas ou días totalmente concentrado, mais de súpeto, se estaba na fase de composición ao mellor me daba por facer un boceto ou unha fotografía nun momento determinado. Con todo, é certo que me centrei moito no disco e pintei menos mais tomaba notas e apuntes para diferentes proxectos.

-Nunca usas a voz nos teus discos.

En ‘Origen’ ía haber un tema con voz, mais ao final irá para outro proxecto futuro. Ademais, xa teño outros temas compostos con voz, con letra. Sentín que os temas con voz non encaixaban ben dentro deste novo disco.

Aos cinco anos quería ingresar no conservatorio mais non se pode até os oito, así foi como meus pais me regalaron un teclado

-Dixeches que estudaras fotografía en Madrid, mais o resto de disciplinas que abordas onde as aprendiches?

Estudei Belas Artes en Pontevedra e despois fixen un máster de fotografía.

-Supoño que recibiches un grande apoio por parte da túa familia, mais que pensaron cando vían que encamiñabas os teus pasos polo mundo artístico?

Nese sentido son afortunado. Sempre me animaron e potenciaron que seguise formándome e penso que xa o viron desde a miña infancia, por iso digo que o potenciaron.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...