Martín Fernández Vizoso: “Se me centrei na Mariña foi por crear comarca e contribuír á súa autoestima”

Martín Fernández Vizoso foi xornalista e hai tempo comezou a recadar información sobre aquelas persoas e acontecementos ligados á Mariña. Así foi como reuniu en dous volumes, "Memorias de Mariñáns", historias persoais de xente da comarca que, dunha maneira ou outra, destacou na emigración, así como o labor de apoio á educación e ao desenvolvemento das sociedades galegas na emigración.


-Cal foi a motivación detrás do traballo como o de investigar a vida e obras de varios mariñáns na emigración?

Cando traballaba en Santiago vivía xusto ao carón do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Aí lin toda a prensa da emigración galega en América. Fun anotando cuestións relativas á Mariña e outras cousas que me chamaban a atención. Lía cousas sobre emigrantes e tiven sorte que durante a miña vida profesional fixen varias viaxes a América Latina, sobre todo lugares onde había unha forte presenza de emigrantes galegos. Así fun reunindo un “corpus” de personaxes e datos sobre a comarca que vou publicando desde hai sete anos.

-Cales foron as primeiras persoas ou feitos que encontraches na túa investigación e que resultaron para ti relevantes?

Quería escribir unha especie e memoria de emigrantes, perdedores ou triunfadores, mais sempre solidarios e colaboradores coa súa terra e sobre todo, co que foi a primeira modernización de Galicia e por tanto da Mariña. Se me centrei na Mariña foi por crear comarca, contribuír á autoestima da comarca. Así podería tomar conciencia de si mesma e se faga valer. Por que digo isto? Porque me nego a que haxa dúas Galicias, a Galicia da AP-9 e o resto. Aí vive cada día máis xente e o resto queda baleira. Por iso digo de que A Mariña tome conciencia de si mesma, do seu valor porque nós non somos menos que ninguén, nin máis. Sobre as persoas que estudei, o primeiro que descubrín foi Antonio Rodríguez Vázquez, de Viveiro, un señor propietario de catro teatros en Cuba, un imperio económico que incluía o edificio máis de La Habana, o “Teatro América”. Recuperei a memoria de Andrea López Chao, unha muller de Mondoñedo da que nunca se falara en Galicia.

Cando traballaba en Santiago vivía xusto ao carón do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Aí lin toda a prensa da emigración galega en América

-Cal é o valor da figura de Andrea López Chao?

Era unha muller da que nunca se falara dela en Galicia, nacida en Mondoñedo mais os propios mindonienses sabían dela. Esta muller marchou para cubrir unha praza de docente no Concepción Arenal do Centro Galego de La Habana, que chegou a ter 2.500 alumnos. Necesitaban profesores e por iso realizaron probas para contratación de profesores. Andrea López Chao aprobou o exame e foi para alá. En Cuba, por ser unha muller nova, foi contactando coa intelectualidade máis ou menos progresista de Cuba e participou en nome de “Hijas de Galicia” no I Congreso Feminino de Cuba en 1923. López Chao foi un precedente do feminismo como tamén foi outra mindoniense, Elisa Maseda Arango.

-Quen foi esta última muller?

Elisa Maseda Arango, que asinaba co pseudónimo de Elisa Lamas, e foi procesada catro veces polo Tribunal de Orden Público durante o franquismo, todo polos seus artigos e polo seu feminismo. Era avogada e xornalista, filla dun ilustre mindoniense, Antonio Maseda Bouso e neta do que fora presidente da Papelera Cubana. Elisa tiña unha columna en La Vanguardia, outra na revista Destino e no Diario de Barcelona. Foi unha muller referente do primeiro feminismo. Xunto a outras mulleres foi procesada e pasou pola cadea debido ás súas ideas. O seu marido era Manuel Jiménez de Parga, quen trouxera fiscamente a Tarradellas desde o exilio para asumir a presidencia da Generalitat de Catalunya. Jiménez de Parga acabou como ministro e despois foi presidente do Tribunal Constitucional. Por iso a figura da súa muller, Elisa Maseda, quedou eclipsada posiblemente pola figura do marido, mais durante a Transicion foi unha figura do feminismo e do xornalismo.

Se me centrei na Mariña foi por crear comarca, contribuír á autoestima da comarca. Así podería tomar conciencia de si mesma e se faga valer

-Durante as túas investigacións descubriches un amante burelés de Marylin Monroe?

Unha das familias fundadoras de Burela foi a familia Bolaños. Na Vila do Medio, en Vilar está o Pazo de Bolaños. Esta familia tiña a concesión do porto de Burela. A finais do século XVIII os descendentes eran persoas con posibles mais buscaban outras espectativas de vida. Un descendente destes Bolaños dedicábase ao cinema en México e mantivo unha relación con Marylin durante os tempos da actriz. Hai multitude de fotos dela con Bolaños, o seu último amante catro meses antes de suicidarse. Hai outros burelenses como Luis Burela y Saavedra, heroe da independencia arxentina, outro foi Vicente Oroza, a quen coñecín, e que foi un dos primeiros asasinados polos Tupamaros, a guerrilla uruguaia. El era condutor de autobús, os tupamaros subiron ao seu autobús e nun control da policía ordenáronlle parar e abrir as portas de atrás que non deron aberto. Os tupamaros deberon pensar que era cómplice da policía e disparáronlle. Oroza é moi recordado en Burela pola súa participación no equipo local de fútbol.

En 1920 cando os mozos de Viveiro ían ao servizo militar, foi o único concello que non enviara nin un analfabeto

-Todo isto e máis telo recompilado en “Memoria de Mariñáns”, dous libros sobre estes personaxes e outros.

Memoria de Mariñáns” que son dous tomos e logo hai un terceiro libro que se chama “A Mariña en Cuba”. Os dous primeiros son historias individuais, e o segundo é un libro sobre as sociedades en Cuba como “Hijos de Vivero”, “Hijos de Mondoñedo” ou “Sociedad de Hijos de Valle de Oro”. Este ano espero que saia o terceiro tomo de “Memoria de Mariñáns”.

-Esas sociedades foron as que axudaron a levantar escolas e abrir estradas na comarca. Como podían facelo?

A portada dun dos libros de “Memoria de Mariñáns” está dedicada á escola feita con aportación de emigrantes de Burela mediante a “Sociedad de Vivero en Cuba”. Burela estaba no partido xudicial. A porta do segundo tomo é a fotografía dos alumnos da escola co mestre Barcia. En Galicia hai 300 escolas grazas ás aportacións dos emigrantes sendo A Mariña a comarca con maior número de escola. A “Sociedad de Vivero en Cuba” chegou a fomentar trinta e pico escolas, delas poderás encontrar ao mellor quince, porque tiñan edificio, as outras eran locais alugados en cada parroquia. En 1920 cando os mozos de Viveiro ían ao servizo militar, foi o único concello que non enviara nin un analfabeto. Todos sabían ler e escribir. Para crear todas estas escolas, as sociedades de emigrantes realizaban veladas, reunións, xuntanzas ou rifas en Cuba ou en Arxentina onde recadaban diñeiro para as escolas e logo estaba a aportación filantrópica de quen gañaran fortunas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here