InicioDeportesChicho Fernández: “O respecto é a base máis grande que temos”

Chicho Fernández: “O respecto é a base máis grande que temos”

Chicho Fernández é presidente e membro do clube de motos Martelos Costa Norte de Viveiro. Unha das premisas deste motoclube é o "respecto" entre os membros do grupo e con outros grupos. Así mesmo, quen queira ser moteiro ou biker, debe ter claro a moto que quere e o uso que lle vai dar.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal foi a orixe deste clube motociclista “Martelos Costa Norte”?

Esta asociación motociclista naceu en 2018. A orixe está en xuntarnos un grupo de persoas que andabamos en moto por libre e tamén houbo persoas que viñeron doutros clubs. Por outra parte, nesta zona non había clubes de motos con carácter benéfico ao cen por cen, decidimos botar para adiante coa idea e facer algo diferente.

-Esa diferenza é a de querer axudar con accións benéficas para a sociedade?

Si, porque realmente nós o queriamos era ampliar máis o xogo. Así foi como dixemos: “pois se imos en moto por aí, tamén podemos axudar a recoller roupa”. Tamén facemos unha chocolatada benéfica e organizamos o “Martelazo Rock”. Todo canto xeramos destas actividades vai para doazóns benéficas.

-Sobre todo a quen dirixides as vosas doazóns?

Doamos a ExpoAcción de Xixón e a Equus Zebra na Coruña, por exemplo. En canto á recadación económica, doamos a “Nico Contra el Cáncer Infantil”, comezamos con eles en 2018 e hoxe en día somos representantes desta organización aquí na Mariña.

-A chocolatada desta fin de semana ten tamén carácter benéfico?

Si, é para a investigación do neuroblastoma, o cancro infantil, e todo o recadado, o 100%, vai destinado para a investigación.

-Cales son as normas básicas para entrar no clube e despois convivir dentro del?

É un pouco complexo de explicar. Hai que ter moto, hai que ir gañando o seu sitio e hai que estar colaborando. Non é simplemente pagar e entrar, aquí é algo máis, é unha familia, é unha forma de vivir e para entrar nunha familia así a cousa leva o seu tempo.

-Cando falas de moto refíreste a algún modelo especial?

Iso para nós é indiferente, mais ten que ser mínimo unha moto 125 c.c.

-Cantos socios sodes agora mesmo? Recibides solicitudes ou peticións para poder entrar no clube?

Agora mesmo somos nove socios. Temos un local que en breve imos cambiar. Sempre convidamos persoas aos nosos eventos e hai a quen lle interesa participar, mais ten que ir gañando o sitio, non é chegar e encher. Si temos unhas normas que non son estrictas cen por cen, mais hai persoas que aínda querendo, descubren que non poden dar todo canto quixeran dentro do clube.

-Tamén particpades en concentracións moteiras?

Iso si, participamos en concentracións e aniversarios durante todo o ano. Andamos arriba e abaixo. Na última que participamos foi hai dúas fins de semana cando participamos en Lugo nun motococidos organizado por un clube irmandado co noso que se chama Lucus Riders, esa foi á última que fomos.

-Entre os clubes hai unhas normas, unha ética de comportamento entre todos eles?

Si, efectivamente hai un protocolo, unha forma de ser, unha forma de actuar que se deben respectar. Nós non somos un clube de “malotes” aínda que convivimos con algúns, por iso digo que se non se cumpren as regras e as formas de actuar, pois ao mellor se rompe a convivencia entre grupos. O respecto é base máis grande que temos.

-Gustaríavos facer campañas para que a xente máis nova tome conciencia de que unha moto ben conducida pode ser algo estupendo mentres se ten coidado na estrada?

Nós non as facemos de momento, mais hai un grupo en Lugo, os Lóstregos Lucus, que si organizan xornadas para aprender a manexar motos, saber actuar en situacións de choiva, neve e outras dificultades, ademais de indicar a roupa que se debe poñer. Nós de momento, xa digo, non o facemos, mais non descartamos realizar algo parecido.

-Como vedes a cultura da moto na Mariña?

Na estrada os grupos sempre nos saudamos, sexa quen sexa. Aínda así, hai rivalidade entre grupos mais nós non participamos nese tema. Con todo, a cultura biker leva moitos na zona e algúns temos moitos anos de experiencia e xa aprendimos deste mundo. Antes estiven noutro clube e aí foi onde aprendín como debe ser o comportamento entre uns e outros. Antes non había tanto disto, mais agora uns imos falando con outros e van aprendendo.

-Cal sería o teu consello para alguén que queira ter unha moto para circular como biker?

Primeiro, debe ter claro a moto que quere e ter claro o que quere facer con ela. Para cada quen hai unha moto.

ÚLTIMAS

Dúas persoas feridas tras unha saída da vía en O Vicedo

Dúas persoas resultaron feridas, das cales unha foi trasladada ao hospital en helicóptero medicalizado, tras unha saída de...

Comesaña di que a cobertura de vacantes en Atención Primaria na Mariña resolverase en “semanas”

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que o proceso de cobertura de...

OPINIÓN: Sobre a mala educación e unha sentenza

Fran Cajoto, acalde de Foz Cada vez somos máis habitantes, esa é a verdade, pero...

O BNG da Mariña denuncia no Parlamento a falta de persoal en Atención Primaria

O deputado do BNG, Daniel Castro denuncio na Cámara galega a carga de traballo...