O Pescados Rubén Burela FSF segue a sumar de tres en tres en Vista Alegre, onde non cedeu un só punto, e remata líder o 2018 despois de golear (6-0) ao Ucam Murcia.
O cadro burelés deu de novo unha mostra de forza como local e no minuto 2 xa mandaba grazas a Dany. Lara e Cami aumentarían axiña a renda do conxunto laranxa.
Na segunda metade, o líder da Liga Foro 16 Feminismo non pasou atrancos para conservar a súa vantaxe ante un UCAM animoso pero con pouca experiencia.
Ao contrario, o Burela FSF gozou das mellores oportunidades do encontro, e anotaría tres tantos máis nos minutos finais do duelo, obra de Peque -por partida dobre- e Jenny.
A LIGA, COUSA DE TRES
A Liga semella cousa de tres despois da vitoria do Penya Esplugues (6-0) ante o Ourense Envialia, que queda con 25. O equipo catalán suma 31 puntos, por 35 do Atlético, que non fallou no derbi madrileño fronte ao Majadahonda (2-6). O Pescados Rubén FSF segue líder con 36 tantos.
O ALICANTE, VINDEIRO RIVAL
A Liga volve o 12 de xaneiro cun enfrontamento apaixonante. O Universidad de Alicante, un dos galos da máxima categoría (cuarto, con 25 puntos) recibirá ao equipo que preparan Julio Delgado e Lucas.