InicioDeportesFran Basanta: "Co tempo fóiselle dando a importancia que merecía a educación...

Fran Basanta: “Co tempo fóiselle dando a importancia que merecía a educación física”

Fran Basanta é un referente no deporte da comarca, sobre todo na área de Viveiro. No seu momento foi un dos primeirísimos en estudar Inef, unha carreira totalmente descoñecida en Galicia. Xogou ao fútbol sendo o seu primeiro equipo o Xove-Lago. Máis adiante fíxoo no Viveiro Club de Fútbol durante unha longa tempada. Foi preparador físico do equipo e profesor de educación física, adestrando a varias xeracións de mozos e mozas en Viveiro e Foz.

Publicada o

- Advertisement -

Fran Basanta

-Fuches docente de Educación Física nalgúns centros da comarca.

Si, estudei o INEF, e o meu primeiro destino como interino foi aquí en Viveiro no IES María Sarmiento. Tamén traballei seis anos no IES de Foz para volver despois ao IES María Sarmiento de novo.

-Como foi evolucionando a cadeira de Educación Física desde que comezaches até hoxe?

Creo que se foi dando a importancia que merece como tamén a outras cadeiras como eran música, plástica e que, en principio parecían academicamente menos importantes. Logo, os claustros de profesores, equipos directivos, pais e alumnado déronlle o valor necesario, a materia en si foi evolucionando desde aquela ximnasia que se facía case paramilitar a outro estilo onde se ofrecen máis posibilidades, mesmo moi adaptada ao alumnado porque tamén ten gustos diversos, non todo son dous ou tres deportes que antes dominaban todo.

-Diante de probas como a CAMOVI, preparou ou téñenlle pedido alumnos e alumnas preparalos para competicións como esta?

Aínda os colle moi novos. Sei que algún alumno noso correu a CAMOVI mais non as distancias longas. Si sei de que exalumnos e exalumnas de 22 en diante, si hai moitas. Mais no IES os alumnos son moi novos, ademais é unha proba que pide certa resistencia e que os parcipantes lle van collendo o gusto a medida que van deixando de practicar outras disciplinas deportivas colectivas.

-A túa primeira ficha federada foi co Xove-Lago. A que anos entraches con esta ficha?

Para o fútbol que se estila agora mesmo, moi tarde, con 16 anos e a primeira ficha foi en xuvenís. Daquela xa comezaban a aparecer os “cadetes” e hoxe en día, coa idade que eu tiña daquela, algúns rapaces xa colgan as botas.

-Segue sendo o fútbol o deporte máis predominante ou hai novas disciplinas que están abrindo camiño?

Facendo unha análise do que acontece en Viveiro, mais penso que é extrapolable a outras localidades, hai un abano máis amplo de posibilidades, mesmo con deportes máis individuais como piragüismo, ciclismo, outros ao mellor máis de conxunto pero máis diferentes, surf, remo, badminton e logo de maneira máis colectiva, balonmán, rugby, basket e fútbol sala. A oferta ampliouse moito, mais creo que o fútbol segue sendo o deporte máis dominante. Quizais ao mellor pola simpleza do xogo, ao mellor outros deportes necesitan maior complexidade.

-Como aceptou a súa familia o feito de acabar o bacharelato e querer estuar INEF, pois era unha carreira pouco coñecida daquela.

Non, nada. Durante o último curso foi cando souben da existencia destes estudos. Fun estudar a Madrid porque daquela en Galicia non había estes estudos e en toda España habería catro centros. Si, realmente foi algo novidosa a miña decisión. Cando rematei e comecei a traballar en Viveiro, digamos que era o único licenciado. Afortunadamente máis adiante abriuse o INEF de Bastiagueiro supuxo a chegada de moitos máis licenciados. A min apoiáronme totalmente, nun principio tiven dúbidas por ter que ir a Madrid, puiden escoller dereito como os meus irmáns ou filoloxía, mais ao final penso que foi unha decisión acertada.

-Que valores che aportou estes estudos que logo aplicaches na túa vida profesional?

Foron estudos moi completos e os compañeiros que tiven en Madrid eran de todas partes do Estado, iso foi positivo. A carreira trataba ámbitos como xestión, o pedagóxio e o de alto rendemento e por tanto foi unha formación moi ampla e de moitos valores. Considero que dentro do ámbito pedagóxico saiamos ben preparados.

-Eses valores como os transmitiches ao teu alumnado?

O ano que comecei a dar aulas tamén comecei a xogar no equipo de fútbol, ese ano adestraba Gerardo Molina, un referente para min no Viveiro CF, foron uns anos de auténtica aprendizaxe.

-A xente na Mariña ten esa idea que o deporte non serve para nada ou só é para practicar nalgunhas épocas da vida?

Non, creo que se mellorou moito, en instalacións, posibilidades, coñecementos e agora mesmo pode haber alumnado que agora mesmo pode outras preocupacións máis grandes como é a EBAU, mais creo que se comeza a facer deporte moi cedo, con seis ou sete anos. Despois eu vexo xente de 22 anos retoma cando xa ten máis tempo retoma deportes, como ciclismo no caso de Viveiro, paddle ou surf. Vexo moita práctica deportiva.

-Cales son os deportes que máis atraen aos mozos e mozas?

O fútbol é o rei, sobre todo entre os mozos, mais temos aí o fútbol sala feminino e un grande referente como é o Pescados Rubén FSF, todo iso supoño que inflúe. Con todo, en Viveiro hai nenas que practican fútbol de campo e están indo a equipos de Lugo. Creo que é a disciplina máis practicada e con máis afeccionados. Tamén hai moita práctica de basket onde está moi igualado con moi bos equipos tanto masculinos como femininos. Logo hai moita afección á ximnasia rítmica maioritariamente feminina. Logo hai disciplinas máis minoritarias, como remo, piragüismo, en San Cibrao sei que é o voleiball. O nivel é bo, mais os doutros lugares tamén teñen masa e adestran e por iso é difícil entrar en ligas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...