InicioOrientalRibadeoValentín Coto: "O que buscamos con estes campeonatos é a confraternización entre...

Valentín Coto: “O que buscamos con estes campeonatos é a confraternización entre equipos”

O presidente da S. D. Ribadeo, Valentín Coto, espera que cos torneos de fútbol base en Ribadeo os máis novos poidan confraternizar, aprender valores que lles sirvan no deporte e na vida e, tamén, coñecer futuros compoñentes para o equipo ribadense. En tal caso, serán tres fins de semana en Ribadeo que mobilizarán segundo os seus cálculos unhas 5.000 persoas que lle darán color á vila durante este mes de xuño.

Publicada o

- Advertisement -

-Como naceron estes torneos de fútbol base da S.D. Ribadeo?

Xa imos pola XIII edición e daquela a directiva tivo a ben organizar uns torneos para a fin de tempada de cara a crear unhas xornadas de amizade enre os clubs da nosa zona. Os torneos foron aumentando en presenza de xogadores e de familiares que os acompañaba. Nesta nova directiva que teño a honra de presidir, continuamos coas directrices marcadas polas anteriores directivas e intentando seguir mellorando estes torneos. Nesta primeira fin de semana será o torneo de infantís que disputarán un total de 27 equipos divididos en grupos de 13 equipos. Xogaremos nos campos de Barres, en Asturias, no do Iberia de San Miguel de Reinante e no campo municipal Pepe Barrera de Ribadeo. Neste campo xogaranse as finais das diferentes categorías. Convidamos a todos cantos queiran achegarse até aquí onde xa dispoñemos de servizos de catering para os diferentes campos. Ademais, queremos agradecer a colaboración do Concello de Ribadeo, do Concello de Castropol, do Iberia de San Miguel de Reinante, de ACISA, da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia na colaboración destes torneos porque para nós é unha maneira importante de recadar fondos para manter os nenos e nenas que forman parte da S.D. Ribadeo.

-Como se distribúe a loxística para atender toda esta xente?

Con moito traballo desde a directiva, dos pais e das nais dos pequenos de cada equipo. Nós damos aloxamento e catering que ofrecemos nas instalacións do colexio público. Levamos varias semanas organizando todo, os técnicos municipais están axudando moito a elaborar todo este traballo. En principio cremos que está todo organizado e veremos como se van desenvolvendo os torneos. Insisto, hai moito traballo detrás aínda que tamén moita ilusión para seguir con estes torneos, traer xente a Ribadeo e esperar que todo saia ben.

-Á parte de aloxamento e catering, que outros elementos aporta a S.D. Ribadeo?

A loxística total, porque nós aportamos árbitros e elementos necesarios para os pequenos mentres xogan. Organizamos a distribución das mesas, a organización dos equipos, limpeza de vestiarios e a loxística necesaria para desenvolver un torneo destas características.

-Con estes torneos estades creando tanto canteira para a S. D. Ribadeo como para os equipos que veñen visitarvos?

O primeiro de todo é a confraternización, que todos esteamos unidos, pasalo ben, que os nenos e equipos gocen. A min o que máis me emociona é que pequenos e pequenas comparten uns días de convivencia aproveitando as instalacións hoteleiras, o campamento da Devesa e o Polideportivo. Están todos xuntos a fin de semana, divertíndose, xogando e facendo deporte que é o obxectivo. Tamén chegarán equipos con certo nome como o C.D. Lugo o Oural da Coruña, equipos con nenos e nenas en categorías superiores que poden fixarse en xogadores doutros equipos para que o día de mañá poidan ir desenvolvéndose no fútbol.

-Calcúlase unha asistencia de 5.000 persoas para ver os torneos, un número importante.

É o que temos calculado para as tres fins de semana de encontros. Primeiro serán os torneos de infantís para a fin de semana do 3 a 4 de xuño, do 10 a 11 prebenxamín e benxamín e do 24 ao 25 é para as categorías alevín e miniprebenxamín. En global, arredor das tres fins de semana teremos entre 120 ou 130 equipos cos país, nais e acompañantes. Isto para a hostalaría si que é algo positivo e por iso lles agradecemos aos establecementos onde pedimos loxística de apoio todos colaboraron coa S.D. Ribadeo e dentro das súas posibilidades déronnos material para que saia todo a diante.

-Esperades encontrar algún ou algunha xogadora para a S.D. Ribadeo?

Nós queremos que os nenos e nenas o pasen ben. Somos un clube que cre na formación e inculcarlles aos rapaces valores que o día de mañá, tanto no campo deportivo como na vida en xeral, lles poidan servir. Por outra parte, nós estamos en pleno momento de captación de nenos para a tempada que vén, pois por iso a ver se algún se anime a dar o paso para apuntarse á S. D. Ribadeo.

-Con que palabras animaría á xente para achegarse a Ribadeo estas fins de semana?

Vir pois van ter momentos de moito divertimento, hai nenos e nenas que son moi boas xogando, é un espectáculo grandioso ademais de sermos un clube amigo, aberto e estaremos encantados de que a xente veña gozar de Ribadeo, unha vila fermosa para pasar unhas fins de semana de encontros futbolísticos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...