-Como se puido traer este Campionato Europeo de Fútbol Sala Feminino?
Primeiro foi falar coa Real Federación Galega de Fútbol a través dun proxecto coa Real Federación Española de Fútbol, contamos tamén cos apoios da Deputación de Lugo, do Concello de Burela e da Xunta, co apoio do secretario xeral para o Deporte. Así, todos xuntos, puidemos ir artellando para facelo en Burela. Sen este traballo conxunto era inviable traer este campionato para aquí.
-Cantos equipos participarán?
Catro equipos, o campión de Portugal, o campión de Países Baixos, o campión de Italia e o campión de España. Moitas das xogadoras son nacionais coas súas seleccións.
-Que supón para o Pescados Rubén Fútbol Sala ser o anfitrión destes encontros?
Hai dous anos xa o organizamos en Lugo. Dentro do clube hai moita xente traballando, cousa que permite a celebración deste evento. Forman parte de toda a organización que hai detrás para, por exemplo, pedir todos os permisos da UEFA, da FIFA e outros estamentos. Organizar este campionato é algo que fai máis grande ao noso clube porque hai anos pensar só en traer un encontro como este, moitos dirían que era imposible. Agora xa é posible pois o Pescados Rubén Burela é un dos equipos favoritos para ter o título deste campionato.
-Internacionalmente que lle aportará a organización deste evento ao clube?
Este acontecemento levará a imaxe do equipo e de Burela por todo o mundo, non só polas redes sociais senón que haberá medios de comunicación emitindo e informando sobre este encontro. Non digo isto só polos equipos, senón porque aquí en Burela daranse cita as mellores xogadoras do mundo, non só dos países competidores senón xogadoras doutros lugares como América Latina. Estas xogadoras son referentes nos seus países e isto levanta unha grande expectación para o fútbol sala feminino.
-É o equipo quen leva a organización exclusivamente?
Xa digo que temos a axuda de Xunta, Deputación e Concello. Sobre a organización dos encontros seremos a Federación e o clube quen practicamente marquemos as pautas, incluíndo arbitraxes.
-Cal será a mellor parte que poden levar tanto organización, equipos e público desta experiencia?
O importante é que se goce dun grande espectáculo, o fútbol sala feminino cada vez ten máis protagonismo, por iso digo que as mellores xogadoras do mundo están pasando por aquí. Tamén servirá como espello para as nenas de corta idade para poder ver como con traballo, sacrificio e loitando por xogar aquilo que máis lles gusta pode ser posible no fútbol sala e todo deporte. Ademais, tamén veremos como se fala de Burela e da Mariña, por tanto, temos neste campionato un bo reclamo turístico para a comarca.
-Como se consegue aloxamento para toda a xente que vai participar no campionato?
Xa levamos moitos meses organizando toda a loxística e os aloxamentos están xa asignados. A organización xa está en marcha desde hai tempo.
-Fixeron algunha estimación sobre a cantidade de público que pode asistir?
Nós esperamos encher o pabillón. A pretensión é que durante o campionato teñamos as gradas cheas para que a xente vexa un bo espectáculo de fúbol.
-Cales son os rivais máis potentes cos que se enfrentará o Pescados Rubén?
Esta será unha liguiña onde se enfrontarán todos contra todos. Nestes momentos non hai ningún equipo fácil, o nivel de calidade dos equipos cada ano é mellor, como dixen, aquí teremos ás mellores xogadoras e hai que ir pola vitoria desde o primeiro até o último encontro.
-Que suporía para o Pescados Rubén gañar este campionato?
Sería seguir facendo historia. Xa gañamos un, o de Lugo, e a intención é loitar por este título que, insisto, non será nada doado. Por tanto, queremos ir polo título, seguir facendo historia e facer que o equipo feminino estea o máis alto posible nas competicións e conseguir todos os títulos posibles.