“Isto é a universidade: ou unha cousa ou a outra”. Esa foi a resposta que recibiu o atleta Adrián Ben (Viveiro, 1998), único representante de España nos 1.500 metros do Europeo absoluto de atletismo do 2018, cando lle solicitou a un profesor da Universidad Complutense de Madrid o cambio de horario unhas prácticas obrigatorias do grao de fisioterapia que coinciden con semanas cargadas non só de adestramentos, senón tamén de competicións oficiais.
O corredor mariñao do FC Barcelona disputará en apenas uns días a final da Copa do Rei de atletismo, que acollerá San Sebastián a vindeira fin de semana, e os meetings internacionais de Sabadell (martes) e Madrid (venres).
Ademais dos adestramentos, Ben deberá afrontar as viaxes correspondentes, o que fai “imposible” asistir a dúas prácticas obrigatorias da materia de farmacoloxía.
Hoy he hablado con mi profesor de la uni (UCM) para avisarle que, debido a mi preparacion y mis competiciones, me sería imposible asistir a dos practicas obligatorias; si habría alguna de recuperarlas
Su respuesta ha sido:
Esto es la universidad, hay que elegir una cosa o la otra— Adrián Ben (@adryben44) January 30, 2019
Cando o atleta viveirense tentou modificar o horario das súas aulas para poder compaxinar a carreira coa súa profesión, topouse coa negativa do docente, pois son os xoves e non coinciden coa competición. A razón? O profesor considera que deste xeito discriminaría ao resto do alumnado. “Dixo que non me ía penalizar por faltar, pero si que non levaría os puntos correspondentes”, explica o deportista mariñao.
Ben asegura que este episodio non é unha excepción nos tres anos que leva na universidade e cuestiona a teoría de que no Estado é asequible compaxinar os estudos e o deporte de alto nivel.
“Unha profesora negouse a cambiarme a data dun exame e cando lle entreguei o xustificante de ausencia e o decreto-lei do Goberno díxome que a normativa era moi difusa. Outros din que che cambian os horarios só en caso de competicións oficiais, pero non se dan conta de que adestrar tamén é o meu traballo”, lamenta.
“Despois estrañámonos de que deportistas prometedores marchen para Estados Unidos”, engade.
“OS DOCENTES DIN QUE SÓ CAMBIAN HORARIOS EN CASO DE COMPETICIÓNS, PERO ADESTRAR TAMÉN É O MEU TRABALLO”, LAMENTA O DEPORTISTA
NORMATIVA
Sobre o papel, a lei ampara aos deportistas profesionais que aspiren a compaxinar estudos e traballo, instando a “promover convenios coas autoridades educativas para apoiar a quenes teñan dificultades para manter o ritmo de asistencia”.
De feito, Ben ten unha titora a raíz dun convenio do Consello Superior de Deportes (CSD), que nestes casos “pouco máis pode facer que dar a lata e tentar de seguir pelexando para que me cambien o horario”.
Malia que as universidades “venden unha serie de dereitos antes de matricularte”, na práctica o apoio ao deportista profesional no sistema educativo depende da comprensión de cada profesor. “Algúns son excelentes, din que valoran que fagas deporte e axúdanche ata onde poden; outros, póñenche pedras no camiño”, afirma Ben.
A LEXISLACIÓN FALA DE “PROMOVER CONVENIOS PARA QUE OS ATLETAS PODAN MANTER O RITMO DE ASISTENCIA”, PERO A APLICACIÓN É DIFUSA
O corredor viveirense expón que as dificultades para cadrar horarios fan que, ou ben se resinta o rendemento académico, ou ben se merme a competitividade dos deportistas. “Teño compañeiros que ou adestran sós ou acaban antes e saen pitando para as clases. Así non fas nada ben”, sostén.
NON PIDE “UN TRATO DE FAVOR”
Ben matiza que non pide un trato de favor por ser un atleta profesional, senón unha flexibilidade no tocante aos exames e prácticas que lle permita compaxinar os seus estudos e a súa carreira deportiva.
“NON PIDO APROBAR, SENÓN PODER IR ÁS PRÁCTICAS. PAGUEI A MIÑA MATRÍCULA. DE QUE ME SERVE SACAR A CARREIRA SEN SABER?”
“Non é tanto a nota, é que non quero perder esas clases. A fisioterapia é unha carreira moi práctica, sempre o entendín, e eu pago a miña matrícula para aprender. De que me serve sacar a carreira se despois non sei facer o que é necesario?”, pregúntase.
Ben, que adestra tres horas cada mañá cunha esixencia física “intensísima”, tanto na carreira como no ximnasio, leva os estudos o mellor que pode. “Tento estudar as miñas horas cada tarde pero acabas moi canso, pasa moita factura”, expón.
“O 2020 É ANO OLÍMPICO. TERÍA QUE FACER PRÁCTICAS EN HOSPITAIS DE TRES A NOVE. QUE FACER?”
2020, ANO OLÍMPICO
Para o atleta mariñao, o peor é que as dificultades non fixeron máis ca comezar. “O ano que vén tería que realizar prácticas en hospitais, de tres da tarde a nove da noite. Iso despois de adestrar de once a dúas. Vexo moi complicado poder asumilo”, indica.
A única posibilidade para cambiar o horario, precisa, “é facer as prácticas durante o verán. E pensas, o 2020 é ano olímpico. Que fas? Quen moito abarca pouco aperta, pero debera haber unha solución”, láiase.