Adrián Ben volveu demostrar a súa categoría no campionato de España absoluto de pista cuberta, no que se colgou a medalla de bronce na súa especialidade, a proba de 1.500 metros lisos.
O corredor viveirense obtivo deste xeito -agás que a Federación Española de atletismo decida o contrario- un billete para o campionato de Europa absoluto de pista cuberta, que se celebrará na localidade escocesa de Glasgow, do 1 ao tres de marzo.
Ben demostrou na proba indoor, celebrada en Antequera, que malia os seus 20 anos segue entre a elite do ‘milqui’ no Estado de corredores como Abascal, Fermín Cacho ou Reyes Estévez. Á medalla de bronce colleitada no pasado campionato de España ao aire libre, Adrián sumou o mesmo metal en pista cuberta.
CARREIRA
O máis forte en Antequera foi Jesús Gómez, do Nike Running, que xa gañara en Xetafe. O corredor burgalés completou o percorrido nun tempo de 3:41.37. Saúl Ordóñez (New Balance), parou o cronómetro en 3:42.29. Preto estivo Ben, do FC Barcelona, que finalizou a proba en 3 minutos, 42 segundos e 49 centésimas.