A cuarta edición do Raid Gallaecia, proba puntuable para as series mundiais da especialidade, reunirá na Mariña Lucense do 10 ao 19 de maio máis de 150 participantes de máis de 20 países dos cinco continentes.
A carreira extrema de aventuras por equipos de catro persoas -necesariamente mixtos- ou por parellas, combina trekking, MTB, kayak, rappel, espeleoloxía e orientación -non se poderá utilizar GPS nin reloxos que sintonicen o seu rastro-, cun total de entre 74 e 120 horas totais de competición.
O percorrido, duns 500 quilómetros, comezará o día 12 e transcorrerá polos 16 concellos da Mariña, así como por Muras e o municipio asturiano de Castropol. Viveiro será o campamento base da organización e tamén o lugar de chegada.
Os equipos, que partirán co equipamento básico para competir, estarán localizados en todo momento grazas a tecnoloxía creada especificamente para este tipo de probas, que ademais permitirá monitorizar o cumprimento das normas e os puntos de paso máis interesantes para poder observar a competición.
a proba combina trekking, bici de montaña, kayak, rappel, espeleoloxía e orientación
FAVORITOS
A competición, unha das dúas de categoría mundial que se desputan en Europa e a única de España, será a terceira das series tras as competicións de Australia e Paraguai.
Ademais, obsequiará aos dous mellores equipos clasificados con senllos billetes para o Mundial do raid de aventura, que se celebrará en Sri Lanka no mes de decembro. Así, participarán na Mariña os mellores do planeta.
os dous primeiros equipos obterán billete para o mundial da especialidade, que se disputará en sri lanka en decembro
O Haglöfs Silva sueco, actual campión do mundo, o 400 Team Naturex francés -gañador da última edición da proba galega- ou o Yeti Silkeborg danés son os principais candidatos ao título. Os países escandinavos e Francia son os Estados de maior tradición.
Con todo, participarán equipos de Estonia, Polonia, Holanda, Suíza; de Uruguai, Brasil e Arxentina; ademais dun de Nova Zelandia. Tamén chegarán á Mariña varios equipos da península, o Fluvial de Lugo ou o Budiño, do Porriño, e mesmo haberá representación local a cargo do Roq Sport, que competirá na modalidade de parellas.
MOVERÁ UNHAS 400 PERSOAS
Os organizadores do evento esperan que o evento deportivo de nivel mundial se traduza tamén nun acicate turístico, coa chegada de arredor de 400 persoas á comarca, sen contar o público que poda desprazarse.
o silva sueco, actual campión mundial, o yeti dinamarqués ou o naturex francés son algúns dos candidatos
“Ademais dos participantes e dos voluntarios, virán familiares e mesmo medios de comunicación, porque hai equipos que teñen os seus propios departamentos de prensa”, expón Pablo López Quiñoas, director da proba.
Nas edicións anteriores, o Raid Gallaecia celebrouse no sur da comarca de Santiago de Compostela e en Ferrolterra e Ortegal.
A presentación do evento contou, entre outras autoridades, coa presencia do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, do responsable da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e os rexedores de Muras, Manuel Requeijo, e Castropol, José Ángel Pérez. En representación da Xunta de Galicia asistiu o xefe de deportes provincial, Manolo Cadramón.
REPERCUSIÓN “ECONÓMICA E TURÍSTICA”
Campos subliñou que “A Mariña descóbrese como espazo con potencialidade para as competicións que unen deporte e o patrimonio natural. Así se demostrou fai unhas semanas co Illa Pancha Challenge, que encheu Ribadeo de afeccionados ao surf, e agora temos outra boa oportunidade para exportar o noso patrimonio natural como atractivo turístico e deportivo”.
Llano, pola súa banda, asegurou que “os participantes virán con familia e amigos, e contarán cunha guía con información para seguir a carreira, así como con suxerencias sobre lugares de interese turístico, natural e gastronómico”, indicou.
Finalmente, Loureiro manifestou que “sentímonos honrados da elección de Viveiro como meta e sede da carreira, que terá unha repercusión turística e económica para o noso municipio”.