O corredor do FC Barcelona Adrián Ben, natural de Viveiro, competirá do 1 ao 3 de marzo no Europeo absoluto indoor de atletismo, que se celebrará en Glasgow.
A Federación Española fixo pública na mañá deste martes a listaxe dos 42 atletas que representarán ao combinado do Estado en Escocia.
O deportista viveirense, con 20 anos, participará na proba de 1.500 metros lisos xunto a Jesús Gómez e Saúl Ordóñez, primeiro e segundo clasificado no Campionato de España de pista cuberta, no que Ben obtivo o bronce.
Adrián estará de novo entre a elite europea, despois de participar en agosto no Europeo ao aire libre de Berlín. En Alemaña, o atleta viveirense foi o único representante español no ‘milqui’, dado que os seus compañeiros en Glasgow non acadaron a marca mínima para estar no campionato.

FUTURO
Na nota de prensa enviada aos medios, a Federación Española resalta a xuventude de Adrián, que participará no segundo campionato ao máximo nivel en categoría absoluta.
“Será interesante ver o comportamiento de atletas moi novos como Enrique Llopis nos 60 metros vallas, Adrián Ben nos 1.500 metros lisos ou Pablo Sánchez-Valladares nos 800″, destaca o comunicado.