O Campionato Galego de Montaña pasa esta fin de semana pola Mariña coa disputa da sétima edición da Subida á Pontenova. Un total de 43 pilotos estarán na grella de saída da proba, cun traxecto de case cinco quilómetros entre a capital municipal e Augaxosa, en Riotorto.
A competición presume un ano máis de cartel ao contar con todos os grandes do circuíto galego, como Alexis Vieitez -vixente campión autonómico-, Jacobo Sobral, Jesús Pombo ou Pablo Rey, pero tamén participarán campións europeos e españois.
andrés vilariño, josé antonio lópez fombona ou sergio vallejo son algúns dos aspirantes
O laureado piloto vasco Andrés Vilariño –catro veces campión de Europa- repite na competición na que xa participou o ano pasado, no que alzou o título tras completar algunha das tandas en menos de dous minutos. Tamén recunca o asturiano José Antonio López Fombona, campión de España cinco anos consecutivos entre 2006 e 2010. Outro dos reclamos do torneo será a participación do meirego Sergio Vallejo, que correrá na casa pero non sobre terra.
CATRO MANGAS
A competición disputarase en catro mangas, dúas o sábado e outras dúas o domingo. Pero o espectáculo empezará antes de que os vehículos tomen a saída, coa presenza dos turismos, barquetas e fórmulas na Praza dos Fornos, onde se realizará a presentación dos pilotos ás 15.30 horas. O ambiente de rally deixarase notar durante toda a mañá coas verificacións administrativas e técnicas.
O CAMPIÓN NUNCA RECUNCA
O percorrido, “rápido e con bo asfalto”, segundo apunta a Escudería A Pontenova, organizadora da proba, asegura o espectáculo. Unha singularidade: na Subida á Pontenova nunca se repetiu campión. Polo tanto, Andrés Vilariño, Sergio Vallejo ou Jacobo Sobral, que xa estiveron no máis alto do podio noutras ocasións, terán que desafiar tamén a estatística.
A Subida á Pontenova é a única proba do Campionato Galego que se disputa na provincia despois do anuncio de que a Subida a Chantada puntuará este ano para o Campionato de España.
PATROCINIO
A Deputación Provincial de Lugo achega un total de 11.000 euros á Subida á Pontenova, que desde o seu nacemento, no 2011, converteuse nunha referencia no calendario deportivo da Mariña Lucense.