O Pescados Rubén Burela FS descabalgou ao Manzanares FS Quesos El Hidalgo (3-5) da loita polo ascenso directo a Primeira División.
Os pupilos de Juanma Marrube deixan ao seu rival a once puntos e manteñen a renda de seis tantos sobre o Mengíbar. Así as cousas, o Betis -a nove unidades- está obrigado a gañar (domingo, 12.30 horas) na pista do Rivas para conservar opcións de promocionar directamente á máxima categoría.
O conxunto burelao demostrou capacidade de reacción para sobrepoñerse ao 1-0 -obra de Pepe– e ao 2-1 de Nacho Gil, goles que atoparon resposta nos tantos de Pope, primeiro, e Renato, despois.
No segundo tempo, o cadro laranxa estivo máis asentado na pista e desnivelou o marcador. Juanfran, no 33, anotou o 2-3 no rexeitamento dun córner, e Joselito, no 35, aproveitou un envío ao segundo pau. Nacho Gil acurtou distancias no marcador no último minuto pero case sobre a bucina Hélder deu tranquilidade ao Burela FS co 3-5.
O RIVAL, SEGUINTE RIVAL
O Pescados Rubén Burela FS recibirá o vindeiro sábado en Vista Alegre ao Rivas Futsal, que conta con 31 puntos e un partido menos.