O Pescados Rubén Burela FSF perderá a Cris polo que resta de curso despois de confirmarse que sofre unha rotura de ligamento cruzado anterior e unha rotura parcial de ligamento colateral medial.
A resonancia magnética realizada o pasado martes confirmou os peores presaxios logo de que a pivote murciana tivese que ser trasladada ao Hospital Público da Mariña ao lesionarse no encontro do pasado sábado fronte ao Jimbée Roldán (3-2).
Así, Cris terá que pasar polo quirófano. Os servizos médicos do club burelao valorarán esta semana xunto á xogadora a data de intervención e os seus posteriores prazos de recuperación, cun período mínimo de entre seis e oito meses.
PEZA CHAVE
Na súa primeira tempada co cadro laranxa, Cris mostrouse como unha xogadora fundamental para o equipo. No presente curso anotou doce tantos, colocándose -só por detrás de Peque, con 16, e de Dany, con 15- como a terceira anotadora do conxunto burelao.