Pescados Rubén Burela: Ana Romero, Cami, Bea Mateos, Cilene, Dany. Amarela a Bea Mateos. Tamén xogaron Julia Forsiuk, Jenny, Sara Correia, Judith, Jozi.
Alcorcón: Ana Del Río, Isa García, Anita Luján, Irene Samper, Vane Sotelo. Tamén xogaron Sila, Desi, Ana Ribera, Laura, Belén.
Árbitros: Díaz Arias, Hevia Campa (Asturias).
Goles: 1-0, m. 9. Dany. 1-1, m. 10. Vane Sotelo. 2-1, m. 39. Cilene.
O Pescados Rubén Burela FSF despediuse da afección cunha agónica vitoria fronte ao AD Alcorcón (2-1) que non lle serviu para levar o título de Liga, que levantará o Jimbée Roldán despois de gañar ao Universidad de Alicante. Ao Atlético Navalcarnero tampouco lle valeu o seu triunfo na pista do Soto del Real (1-4). As burelesas acaban o curso na terceira praza da Primeira División feminina de fútbol sala.
As locais, cómodas ao contragolpe, tiveron as mellores ocasións no arranque. Atopáronse cunha solvente Ana Del Río e tamén cos postes; Dany disparou ao pau e Cilene ao longueiro. O conxunto visitante tamén se estirou. Bea Mateos tivo que sacar na liña de gol un lanzamento de falta e Desi superou a Ana Romero cunha vaselina que marchou fóra por centímetros. Con todo, o Burela estaba a gobernar o duelo e Cami reflectiu o dominio no marcador tras aproveitar un pase maxistral da 3 do conxunto laranxa.
XARRO DE AUGA FRÍA
A reacción do Alcorcón foi case inmediata. Vane Sotelo, unha das mellores goleadoras do mundo, demostrou a súa categoría para definir con sutileza ante Ana Romero. O 1-1 foi un xarro de auga fría para o cadro local, que sobreviviu neste treito grazas á gardameta andaluza. Laura e Ana Ribera, por dúas veces, probaron á porteira do Pescados Rubén. O Burela sobreviviu e no último minuto da primeira metade puido adiantarse por medio de Dany e Jenny, que se atoparon de novo con Ana Del Río.
O 1-1 PESOULLE ÁS LOCAIS E O DUELO PERDEU INTENSIDADE NO SEGUNDO TEMPO
O encontro perdeu intensidade no segundo tempo e a primeira oportunidade clara chegou no minuto 27. Vane Sotelo estivo a piques de rachar o empate nun disparo colocado que desviou Jozi. A gardameta brasileira estivo segura pouco despois noutra tentativa da pivote internacional do Alcorcón. A sete minutos do desenlace Laura rematou ao longueiro, nun tramo do encontro no que as madrileñas dominaron ás locais.
DECIDE O XOGO DE CINCO
A falta de tres minutos, o cansanzo comezou a pesar e houbo ocasións nas dúas áreas. Jozi contivo a Anita Luján no un para un e Dany topou con Isa García, que interceptou o seu disparo. A falta de sesenta segundos, o Pescados Rubén sacou a porteira-xogadora, que deu tan bos resultados ao longo da campaña. De novo, o recurso ofreceu un rendemento inmediato. Cilene recibiu de Bea Mateos e acadou o 2-1. O Alcorcón tentouno coa mesma receita pero non foi quen de superar a un Burela que fixo os deberes, pero que só tivo como premio a terceira praza.
COPA DE ESPAÑA
Remata así unha Liga espectacular, con catro equipos con posibilidades de levantar o título na última xornada. O vindeiro reto do cadro laranxa será a Copa de España, que se disputará en Cádiz a vindeira fin de semana.