O Pescados Rubén Burela fixo oficial a súa terceira fichaxe para a vindeira tempada. Juan Francisco Botía Galiano, Juanfran (Murcia, 1992), vestirá a elástica laranxa no curso 2018-2019. O xogador, que cumprirá 26 anos o 10 deste mes, procede do Naturpellet Segovia, equipo no que militou as últimas tres campañas.
Juanfran ascendeu á Liga Nacional de Fútbol Sala co cadro segoviano no 2017 e no pasado curso disputou 23 partidos na máxima categoría -catro coma titular-. Acadou 4 goles.
O novo futbolista do Pescados Rubén Burela xogou tamén no Plásticos Romero Cartagena, FC Barcelona B e Levante UD. Así, o conxunto burelés conta con seis pezas: Vargas e Lucho –ambos procedentes do cadro levantino-, Matamoros, Hélder e Renato.
COPA DE ESPAÑA
A Copa de España de fútbol sala feminino disputarase a vindeira fin de semana en Cádiz. O Pescados Rubén FSF medirase o venres, desde as 17.30 horas, ao Ourense Envialia no único derbi galego dos cuartos de final. Atlético e Poio Pescamar abrirán a competición, ás 10.00, e ás 12.00 xogarán Alcorcón e Universidad de Alicante. Ás 19.30 pechará a xornada o campión de Liga, o Jimbée Roldán, que se enfrontará ao equipo anfitrión. De clasificarse para a seguinte rolda, as burelesas competirán contra o gañador desta eliminatoria.
As semifinais serán o sábado, ás 10.00 e 12.00 horas, e a final está prevista para o domingo, ás 11.00.